Novaxove lánzase a promover o galego na Rede cun certame que conmemora o 17 de maio

martes, 14 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

O espazo en liña de Caixanova para a mocidade galega, Novaxove, segue a dar novos pasos cara a un compromiso duplo xa bosquexado dende hai tempo na propia web e agora decididamente asumido: a promoción do uso da Internet entre a xuventude e o emprego do galego nesa comunicación dixital. Nesta liña é onde se insire, precisamente, a posta en marcha dun novo certame destinado a conmemorar un festexo que na nosa terra resultou ser (tamén) atinada e significativamente dobre: o 17 de maio, día para a celebración das nosas Letras e xornada (a nivel mundial) para o festexar a chegada de Internet. Neste senso, os responsables de Novaxove decidiron adiantarse e dende hoxe até o vindeiro 11 de maio manterán aberto un concurso para que todas/os interesadas/os acheguen as súas ideas de como difundir o galego na Internet.
Deste xeito, as/os participantes levarán unha camiseta conmemorativa da dita data e a idea máis orixinal ou mellor presentada obterá, a maiores, unha cámara de vídeo. O único requirimento que se pide é presentar as propostas no foro Participa da web de Novaxove.
Cómpre lembrar que este espazo, creado en 2004 co apoio de Caixanova, está especializada en achegar contidos para a xente máis nova do país. Ao longo deste case cinco anos de vida, logrou facerse un oco como referente en canto aos eidos temáticos nos que se asenta: deportes, tendencias, cultura, imaxe e música.

PUBLICIDADE