Nova edición do proxecto Talentos Inclusivos

venres, 23 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

O pasado 31 de xaneiro presentouse publicamente na Domus da Coruña unha nova edición do programa Talentos Inclusivos, promovido polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) Coruña, que busca facilitar a inclusión de persoas con diversidade funcional.
Quixemos así falar con Javier Pereira, subdirector do CITIC e responsable desta iniciativa.

– En poucas palabras podería explicarnos o que é o proxecto Talentos Inclusivos e que persegue?
– Trátase dunha iniciativa que busca espertar vocacións tecnolóxicas entre estudantes preuniversitarios (secundaria, bacharelato e formación profesional) dunha forma práctica traballando en proxectos tecnolóxicos a través de grupos cooperativos cos persoas con discapacidade, en concreto con persoas con parálise cerebral.
Nesta cuarta edición ademais do CITIC da Universidade da Coruña e Aspace Coruña participan 15 centros educativos de toda Galicia e novas asociacións como son APAM e AMENCER Aspace.
Nunha primeira fase dende Aspace identifican unha serie de barreiras e problemas cos que se atopan no dia a dia para unha plena participación. Estamos a referirnos a situacións como o emprego dun mando a distancia, un botón para prender o ordenador, o manexo de xoguetes con mandos de reducidas dimensións, acceso as novas posibilidades dos asistentes virtuais, comunicación coa súa propia voz ou sistemas de control domótico cunha forma de funcionar.
Nunha segunda fase créanse os equipos de traballo formados polos alumnos dos centros educativos e os usuarios das asociacións (ASPACE Coruña, APAM e AMENCER Aspace) coa titorización dos profesores das asociacións, os profesores dos centros educativos e os investigadores do CITIC. Estes grupos traballan ao longo do curso académico con visitas presenciais e videoconferencias
Na terceira fase organizamos unha feira no museo da Domus da Coruña onde cada grupo de traballo presenta os seus resultados e experiencias.

– De que xeito contribúen os investigadores do CITIC a este proxecto?
– Dende o CITIC coordinamos o proxecto, dinamizamos os grupos e actuamos de co-titores dos desenvolvementos tecnolóxicos xunto aos profesores dos centros educativos. Nunha primeira revisión, avaliamos os proxectos para ver si son viables para ser desenvolvidos nun curso académico e axudamos en todo o proceso ao longo do ano.
Aportamos a experiencia en programación, na aplicación da intelixencia artificial, no emprego de trebellos electrónicos ou en robótica cando os equipos de traballo o solicitan.

– Que entidades están a colaborar coa iniciativa?
Trátase dun proxecto con implicación de bastantes institucións. A participación directa da Universidade da Coruña a través do CITIC, de Aspace Coruña, APAMP, Amencer Aspace e a Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades dos 15 centros educativos complétase coas entidades de apoian o proxecto como son ó Consello Social da Universidade da Coruña, o Concello de A Coruña, a Consellería de Política Social e Xuventude e a FECYT (Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

– A participación do colectivo educativo cada día é maior. Que aportan ao proxecto e que aporta aos rapaces participar en iniciativas deste tipo?
– Os estudantes fan a maior parte do traballo tecnolóxico dos proxectos. Implícanse nos proxectos creando una importante simbiose coas persoas con discapacidade e traballan con grande ilusión para axudar a mellorar a súa calidade de vida, aumentar a súa autonomía persoal e participar ´na creación dunha sociedade mías xusta, equitativa e inclusiva.

– Hai achegas que pasen a formar parte dalgún repositorio público para que poidan aproveitar os desenvolvementos do proxecto dende fóra?
– Todos os proxectos son publicados no repositorio de retos do proxecto. Consideramos fundamental para o éxito do proxecto que os traballos sexan de aplicabilidade para unha persoa pero que pidan ser replicados cantas veces sexa necesario para outros usuarios. Todo o material empregado e os procedementos son accesibles e compartidos a través da páxina web do proxecto.
Estamos a traballar na internacionalización do proxecto, tanto a nivel de participantes como de posibilidades de difusión dos resultados para que o traballo feito por estes grupos cooperativos teña un maior impacto e axude a moitas máis persoas.

PUBLICIDADE