Notábel presenza das escritoras galegas nas coleccións dixitais da BNE lanzadas en ePub

mércores, 17 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

Autoras galegas como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal son algunhas das escritoras cuxas obras veñen de dar o chimpo ao formato ePub, co fin de achegarse ao máximo ás novas xeracións e á comunidade (crecente) de lectores en formatos dixitais. Así nolo contan hoxe as entidades estatais Red.es e a Biblioteca Nacional de España, que, no marco do seu convenio de traballo conxunto, están a incluír no devandito formato (compatíbel con tabletas, e-readers e mesmo con móbiles) as coleccións dixitais da Biblioteca (a Biblioteca Dixital Hispánica). A iniciativa, máis polo miúdo, supón a posta a disposición dunhas 700 obras en arquivos ePub.
Hai obras de literatura, lingua, historia, xeografía, medicina, biografías e viaxes. A maiores, achégase unha colección de mulleres autoras en cuxa escolma traballou un grupo de investigación da UCM e que xa está dispoñíbel na Biblioteca Dixital Hispánica. Para esta colección de e sobre mulleres recompiláronse títulos de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Carmen de Burgos, Hildegart ou Concepción Arenal, e tamén obras como Un retrato de muller de José Selgas, A emancipación da muller de Jacques Novicow ou A muller de todo o mundo de Alejandro Sawa.
Igualmente, están xa accesíbeis obras de literatura do século XIX e XX de autores tamén galegos como Valle-Inclán, aos que se engaden Lorca ou Alarcón, entre outros moitos.
Os libros poden descargarse en arquivo ePub ben mediante a icona habilitada na listaxe de resultados, ou ben unha vez accedendo directamente á obra. O obxectivo deste proxecto é duplo: por unha banda permitir a lectura destas obras en dispositivos electrónicos e así poder ofrecer novos formatos de acceso ás coleccións dixitalizadas da BNE, e pola outra corrixir textos obtidos mediante recoñecemento óptico automático dos documentos en PDF.

PUBLICIDADE