Noia suma máis de 600 domicilios e empresas ás redes avanzadas de R

martes, 28 de setembro do 2021 S. P.

A operadora de telecomunicacións R fixo un balance dos traballos despregados no concello de Noia para dotar ás súas vivendas e empresas da súa fibra óptica de nova xeración. Segundo fixo saber, os habitantes dos núcleos da Loxe e de Manle xa dispoñen de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 500 Mbps simétricos e poden desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R.
O operador galego vén de rematar nestes núcleos parte das tarefas de despregamento da súa rede de fibra óptica, “aproveitando ao máximo as infraestruturas destes lugares noieses”, informa a compañía. Con este novo avance da súa cobertura no concello, engade, “un total 612 novos fogares e negocios destes e doutros núcleos do municipio quedan xa preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 megas simétricos e televisión dixital multicanle de R”.
Amais, tendo só en conta o Plan Avanza, a peche de 2021 a localidade coruñesa contará xa cuns 700 domicilios e empresas con conexión ás súas redes, ademais de en Loxe e Manle, nos núcleos de Pirillueiro, Rasa de arriba, Devesa do Marqués, Couto de Arriba, Xilvir, O Telleiro, Eiroa, Vilanova, Abruñeiras, Fonte Pernal, Pereiro de arriba, a Portela, Balbargos, Rego de hortas e A Chaínza.
A maiores do plan do Ministerio, R leva anos investindo na despregadura de infraestruturas en Noia, onde a día de hoxe xa dispoñen de cobertura das devanditas redes avanzadas arredor de 6.470 inmóbeis, co que o municipio comezará 2.022 cuns 7.140 residencias e negocios conectados.


PUBLICIDADE