Niklas Zennström en Janus Friis revolucionarán o consumo de vídeo a través da Rede co seu novo proxecto

venres, 22 de decembro do 2006 Marcus Fernández

The Venice Project abrirá a porta a moitos contidos audiovisuais

Os creadores de KaZaA e Skype queren seguir revolucionando a Rede mediante a tecnoloxía P2P apuntando agora á televisión co The Venice Project, que podería ser unha ameaza para os actuais servizos de publicación de vídeos a través da Rede, especialmente porque ofrecería unha calidade de imaxe moi superior ós seus competidores.
Os servizos coma YouTube teñen un lastre moi importante, o largo de banda, que é un factor de alto custo que afecta directamente á calidade dos vídeos (que teñen que publicarse moi comprimidos para aforrar neste concepto) pero o novo proxecto, o apoiar este elemento nas conexións dos seus usuarios, pode permitirse unha calidade moi superior, polo que de acadar uns contidos interesantes podería converterse na solución definitiva para ver vídeos na Internet.
O proxecto Venice (Venecia) conta xa cunha aplicación informática en probas, ó que se pode acceder só mediante invitación, e que xa está a ser comentada por moitos blogs tecnolóxicos.
A versión de proba do programa xa amosa unha excelente calidade de imaxeA xente que probou a aplicación comenta que a súa instalación é moi doada (como tamén acontece co Skype) e que permite a recepción de vídeo con moita calidade a través de conexións de banda larga, aínda que polo momento os contidos televisivos non son en directo, senón que se trata de contidos subministrados polos servidores do proxecto (polo que haberá que agardar a que ó lanzamento oficial do produto para xulgar os seus contidos). Iso si, o entorno gráfico parece estar feito “a proba de parvos”, de xeito que é doado cambiar canles ou personalizar as novas canles favoritas, o que podería ser a peza chave no éxito desta solución informática chamada a revolucionar o consumo audiovisual na Rede.
O programa tamén permite a incorporación en engadidos (plugins), que polo momento parecen limitarse ó chat, de xeito que se pode falar cos amigos ou con outros usuarios que estean vendo a mesma canle que nós.
Toda esta plataforma será especialmente interesante para os provedores de contidos, xa que sería unha solución económica para lanzar canles de televisión a escala global sen ter que contar cunha infraestrutura xigantesca e evitando enormes custos polo tráfico de Internet xerado, polo que parece que este proxecto podería contar co apoio da industria audiovisual.
Parece así que este proxecto de Niklas Zennström e Janus Friis vai a supor unha revolución tan importante para o consumo televisivo coma fixo o Skype coa voz a través da Internet.

PUBLICIDADE