#NeThinking captou a atención de público de 33 países

venres, 1 de abril do 2011 Redacción

Os pasados mércores e xoves celebrouse na Illa do Pensamento de San Simón o encontro #NeThinking, no que participaron distintos persoeiros do mundo da comunicación e as redes sociais, que puido seguirse a través de streaming (non sen poucas incidencias técnicas) e cunha comunicación aberta ao público a través de Twitter, dando lugar a un interesante formato de evento que fuxiu da asistencia presencial da audiencia e apostou pola Rede como plataforma, chegando a seguirse dende 33 países de todo o mundo.
Durante os dous días de encontro, o seguimento converteuse nun dos temas do momento en Twitter a nivel español, en boa medida grazas á participación de varios expertos con grande relevancia en tal plataforma, polo que a suma de figuras neste ámbito deu pé a unha difusión moi importante do evento.
Entre os participantes neste foro, coordinado polo xornalista e experto en redes sociais Nacho de la Fuente, figuran comunicadores como Eva Hache, cineastas como Nacho Vigalondo, músicos como Julián Hernández, recoñecidos e activos blogueiros como José Jiménez Moltó (Kurioso) e Javier Pedreira (Wicho); editores de medios dixitais e expertos en redes sociais como Javier Celaya, Ismael El-Qudsi, Juanjo Amorín, Marilin Gonzalo, Eduardo Arcos ou Carmela Ríos; consultores como Mario Tascón e Antonio Delgado; especialistas en e-mail marketing como Jorge Martínez Linares, e destacados xornalistas e expertos en comunicación de diferentes universidades galegas como Francisco Campos, Manuel Gago ou Valentín Alejandro Martínez.
Entre as conclusións das distintas mesas de traballo que tiveron lugar en #NeThinking están a preocupación pola segregación de usuarios na Internet segundo o seu nivel de participación, a vixencia do debate entre os papeis que xogan os distintos axentes na comunicación (defendendo o rol do xornalista), a necesidade da reinvención dos medios tradicionais e a necesidade de monetizar a creación.
En vista da repercusión acadada polo encontro, parece garantida a súa continuidade.

PUBLICIDADE