Narón tramitou no rexistro preto dun milleiro de documentos electrónicos nos últimos tres meses

xoves, 27 de agosto do 2020 S. P.

O Concello de Narón fixo balance da súa actividade recente en Administración Electrónico, centrando o reconto na interoperabilidade con outras administracións. Os datos foron achegados pola alcaldesa Marián Ferreiro, que salientou o labor que está a realizar o Goberno local para “axilizar á veciñanza da cidade e doutros concellos a tramitación de documentos co Sistema de Interconexión de Rexistros”. Segundo fixo saber, nos últimos tres meses o Concello de Narón tramitou a través do Rexistro municipal un total de 859 documentos co Sistema de Interconexión de Rexistros (SIR)”.
Esta modalidade permite o intercambio de asentos electrónicos de rexistros entre as diferentes administracións públicas e, no caso de Narón, a alcaldesa, Marián Ferreiro, indicou que da totalidade dos documentos, 38 dirixíronse ao Goberno central, 699 á Xunta de Galicia e os 122 restantes a outros concellos.
Segundo fixo saber, o Rexistro do Concello de Narón continuou a súa actividade tras decretarse o Estado de Alarma con quendas no persoal do servizo, “realizando sobre todo trámites telemáticos de documentos e certificados de empadroamento, que se enviaban aos solicitantes a través do correo electrónico”, recordou a alcaldesa, engadindo que en canto foi posíbel habilitouse un servizo de cita previa para atención presencial con aforo limitado en todos os departamentos municipais, operativo dende o pasado 9 de maio a través dunha liña de teléfono habilitada especificamente para este fin”, indicou Ferreiro.
A rexedora tamén lembrou que o pasado de 21 de xullo o Concello retomou a atención presencial sen cita previa, “atendendo a un protocolo establecido previamente que inclúe control de acceso facilitando datos persoais e aforo limitado”. Segundo indicou, “foi precisamente dende que se suprimiu a cita previa cando o Rexistro municipal experimentou un maior incremento de traballo en canto á tramitación de documentos dirixidos a outras administracións”, recalcou a rexedora, salientando o labor que se está a levar a cabo dende o citado departamento para que a cidadanía de Narón e doutros municipios poida axilizar en moitos casos os seus trámites.

PUBLICIDADE