Narón centrou nas TIC boa parte do deu programa formativo en 2016

luns, 16 de xaneiro do 2017 Redacción

O programa municipal de formación de 2016 do Concello de Narón pechouse, en palabras do Goberno local, “cun resultado positivo”. Así o fixo saber a edil de Formación, Novas Tecnoloxías e Mocidade, Natalia Hermida, pois un total de 267 persoas “obtiveron unha acreditación, a través do pertinente diploma, que recoñece a súa capacidade para levar a cabo tarefas relacionadas cos cursos realizados, que abrangueron diferentes áreas”, incluída a tecnolóxico-dixital nas súas múltiples vertentes. Hermida subliñou que o programa, dirixido a persoas desempregadas da localidade, e que obtivo unha forte demanda de prazas en cada un dos cursos ofertados, e que o ano pasado foi dun total de 885 solicitantes para as 323 vacantes que se convocaron durante 2016 a través desta iniciativa”.
En canto ás accións formativas ofertadas, salientamos os da temática Inclusión Tecnolóxica, con seis accións de: Xestión Empresarial con Software Libre (260 horas para 10 persoas); Habilidades dixitais básicas (100 horas para 20 persoas en dúas edicións); Marca persoal-diferenciarme nas redes (60 horas e 10 persoas) e Alfabetización dixital: Ofimática, trámites online, busca de emprego a través de Internet (110 horas e 10 persoas, en dúas edicións).
No apartado de Ámbito Interprofesional convocáronse os de: Prevención de Riscos Laborais, Medio Ambiente Naval e Prevención de Riscos no Naval (76 horas e 20 persoas); Medio Ambiente no Naval e Prevención de Riscos no Naval (16 horas e 20 persoas); Operador carretilleiro/a e operador/a de Plataformas Elevadoras con certificación UNE (35 horas e 48 persoas); Hixiene Alimentaria para manipuladores de alimentos (5 horas e 20 persoas); Primeiros Auxilios (5 horas e 20 persoas); Conversa en Inglés (80 horas e 15 prazas) e Atención ao público e habelencias comunicativas (150 horas e 15 prazas). Por último, no Ámbito de Iniciación Profesional –todos eles con 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas- desenvolvéronse os de: Electricidade Básica (300 horas e 15 persoas); Servizos de cafetería e bar (230 horas e 15 persoas); Peixería (300 horas e 15 persoas); Panadería e Bolería (310 horas e 15 persoas). Tamén se levaron a cabo os de Xestión de almacén-Carretilleiro/a (100 horas e 15 persoas) e Carnizaría (400 horas, das que 100 foron prácticas, e 15 persoas). En canto ao Eido da Innovación e TIC convocouse un de Programación e Robótica para futuros formadores (300 horas e 15 persoas) que incluíu prácticas en diferentes centros educativos.
A edil de Formación e Novas Tecnoloxías avanzou que no ano que acaba de comezar “desde o Goberno local continuaremos apostando por ofrecer aos veciños e veciñas de Narón un completo programa de accións formativas”. Natalia Hermida subliñou a importancia de “mellorar e incrementar a formación de todas as persoas desempregadas para que poidan ter máis facilidades e oportunidades á hora de acceder ao mercado laboral”.

PUBLICIDADE