Mundos Digitales destacará na súa vindeira edición as producións virtuais

xoves, 14 de marzo do 2024 Redacción

Mundos Digitales, o Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media nacido hai máis de dúas décadas na Coruña regresa á cidade herculina cunha nova edición que terá a súa sede en Palexco, e que se celebrará entre o 4 e o 6 de xullo de 2024.
Como en edicións anteriores, Mundos Digitales busca dar cabida a numerosos ámbitos da creación dixital de animación, efectos visuais ou videoxogos, con numerosas presentacións en exclusiva, pero este ano incorporará de forma destacada, aparte da IA, a chegada das producións virtuais en tempo real para producións broadcast, que cambiará por completo a forma de crear contidos, e que supón a integración entre personaxes reais e virtuais en rodaxe. Escenarios tridimensionais e personaxes virtuais 4D nos que converxerá a imaxe real e virtual como un único ambiente, e todo iso, en tempo real.
A cita, ademais do Festival Internacional de Curtametraxes de Animación, contará coa súa tradicional Feira de Emprego, outro dos pratos fortes de Mundos, unha actividade que se afianzou como unha das máis relevantes do congreso, e que o ano pasado converteuse na feira de emprego máis grande de Europa por número de empresas participantes.

A imaxe da edición

Ademais, e como xa ven sendo tradición, cada ano Mundos Digitales vincúlase cunha destacada produción que acompañará ao evento como imaxe do mesmo. Nesta ocasión, será El Fantasma de la Quinta, unha coprodución de Illusorium Films e Martirio Films.
Trátase dun proxecto que narra os últimos momentos do xenio Francisco de Goya, cando decide retirarse a vivir os seus últimos anos afastado da corte. Ao caer enfermo na súa nova casa, Goya é perseguido polos fantasmas do seu pasado. Castigado pola súa presenza e nun decadente estado de saúde, Goya pinta as pinturas negras como último recurso para desfacerse dos demos que conviven con el, pagando para iso o prezo da súa cordura e, case, o da súa vida.
Inspirados polo terror gótico de Poe e o cine de terror do autor de A24, esta produción dirixida por James A. Castillo contará coa participación de Maribel Verdú pondo a súa voz á Quinta do Xordo, e Nico Casal, pianista e compositor galego para a composición musical.

PUBLICIDADE