Mundiario, un novo medio global nacido en Galicia

mércores, 16 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Onte naceu con corazón galego un novo medio de comunicación con vocación global, Mundiario, autodefinido como o “primeiro periódico global de análise e opinión” e que buscará cubrir temas de actualidade económica e política, información que ampliarase con novas doutras seccións grazas a un amplo cadro de colaboradores. Os responsables desta nova publicación dixital son os promotores iniciais de Xornal.com, o xornalistas José Luis Gómez e Antonio Sangiao, que ocuparán os postos de editor e adxunto ao director respectivamente.
Xeira Comunicación é a compañía que sustenta este novo medio, que en vez de orientarse ao mercado galego mira agora a España, América Latina e EE.UU., e nos seus primeiros pasos conta entre as súas firmas cos analistas políticos Antonio Campos Romay, Kotska Fernández, Miguel Martínez Losada e Jacinto Parga, a crítica de arte de Rosario Sarmiento, o fotoxornalismo de Xurxo Lobato e os arquitectos Elena Sarmiento e Emilio Argiz.
Mundiario conta tamén con presenza en Facebook e Twitter, e busca potenciar a súa información coa participación dos lectores.

PUBLICIDADE