Movistar, Vodafone e Orange estrean oficialmente Joyn en España

mércores, 28 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Tras un período de probas, Movistar, Vodafone e Orange estrean oficialmente hoxe en España o seu servizo de comunicación enriquecida (RCS) baixo a marca Joyn, que permite aos clientes desas compañías participar en chats, enviar mensaxes e realizar chamadas enriquecidas con intercambio simultáneo de imaxes ou vídeos, dun xeito privado e seguro, con calquera membro da súa listaxe de contactos que tamén empregue Joyn con independencia da rede ou dispositivo móbil, no que moitos dan en chamar o Whatsapp das operadoras.
No futuro este tipo de solucións poderían ampliarse a servizos adicionais como a voz sobre IP ou as chamadas de vídeo, sendo estes servizos enriquecidos compatibles tanto coas redes móbiles dos operadores como as redes Wi-Fi.
Actualmente Joyn está dispoñible para dispositivos con Android (temos dispoñible en Google Play tanto unha aplicación xenérica para clientes de Movistar e Orange e outra específica para clientes de Vodafone), estando prevista a estrea dunha aplicación para iPhone máis adiante. Dende Vodafone advirten que ata o 31 de xaneiro de 2013 os seus clientes poderán empregar Joyn de balde sen ter contratado un plan de datos (entendemos que para potenciar o seu período de probas) sendo aínda unha incógnita se os operadores van cobrar dalgún xeito o servizo no futuro.

Joyn é a resposta dos operadores de telefonía a aplicacións como WhatsApp


Vídeo promocional de Joyn

PUBLICIDADE