Morgan Webb estrea un videoblog de novas tecnolóxicas

xoves, 2 de agosto do 2007 Marcus Fernández

A coñecida presentadora de televisión norteamericana Morgan Webb (que presenta o programa de videoxogos X-Play en G4 e escribe unha columna sobre o mesmo tema na revista masculina FHM) estreou hoxe un videoblog diario coñecido coa WebbAlert dende o que tratará as novas do día no sector da tecnoloxía e os xogos, emprestando especial atención ó punto de vista da blogosfera.


Primeira entrega de WebbAlert (tamén descargable en formato MP4)

Este programa está feito cuns medios caseiros (o teleprompter que emprega Webb para ler as novas o fixo o seu pai e o programou ela mesma), o que non impide que teña unha aparencia bastante profesional, empregando a Federated Media para vender publicidade (aínda que tamén aceptan propinas dos seus seguidores) e empregan a Castfire coma hospedaxe dos seus vídeos, que se poden incrustar en calquera páxina web ou descargar directamente.
Os programas complementaranse coa web, para publicar as ligazóns de cada unha das entregas, o que é de especial axuda para os que desexen ampliar a información mencionada, aínda que non permiten a realización de comentarios por parte dos lectores (algo habitual tendo en conta a cantidade de seguidores que ten esta presentadora que continúa a conducir o programa televisivo X-Play, ó que é posible subscribirse mediante un podcast RSS, como tamén acontece con WebbAlert).

PUBLICIDADE