Modernización subvenciona con 2,5 millóns de euros 62 novos proxectos promovidos por empresas do sector TIC galego

martes, 23 de agosto do 2011 Redacción

Mar Pereira dirixe o departamento que convocou as liñas de axuda para o sector TIC

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano un total de 2.544.000 euros a subvencionar 62 novos proxectos innovadores impulsados por empresas do sector TIC galego. Así se recolle na resolución dunha orde de axudas, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.
O obxectivo destas axudas é contribuír ao impulso de proxectos innovadores por parte do sector tecnolóxico galego. Con este fin, o departamento que dirixe Mar Pereira convocou o pasado mes de marzo dúas liñas de axuda, unha orientada á creación de novos produtos e servizos tecnolóxicos por parte das empresas TIC ou novas versións de produtos xa desenvolvidos ou comercializados con anterioridade. A segunda liña de axudas estaba orientada a subvencionar a elaboración de produtos ou prestacións que melloren servizos de interese xeral para os cidadáns.
O departamento autonómico resolveu financiar con 1.963.600 euros 50 iniciativas que encaixan nalgunha das seguintes áreas: converxencia e accesibilidade IP, orientados á converxencia entre a telefonía fixa/móbil e Internet así como solucións que fomenten o acceso a Internet de calidade desde calquera dispositivo distinto de móbil ou ordenador; mobilidade, localización e GIS (sistemas de información xeográfica); avance na TDT; eficiencia enerxética; mellora do fogar dixital; novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, loxística ou sector marítimo que aumenten a eficiencia e seguridade ou acaden unha integración entre outras tecnoloxías.
Por outra banda a Secretaría xeral achegará 580.900 euros a subvencionar 12 proxectos orientados a mellorar as actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC como: servizos sociosanitarios, desenvolvendo aplicacións para a prestación e xestión de actuacións, especialmente as relacionadas coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.); a educación, mediante ferramentas de creación de contidos dixitais, plataformas de aprendizaxe en liña, plataformas de control do alumnado na aula, ou outros ámbitos de servizos electrónicos de interese xeral, non necesariamente vencellados á Administración.
A concesión destas axudas contan co financiamento do 80% do Fondo de Desenvolvemento Rexional FEDER, e realizáronse en réxime de concorrencia competitiva.

PUBLICIDADE