Miguel Conde fálanos do informe IA, oportunidade ou ameaza?

luns, 6 de novembro do 2023 Marcus Fernández

O pasado mes de xullo o obserBAPtorio social e cultural de BAP&Conde presentou unha reportaxe que baixo o título IA, oportunidade ou ameaza? explora as luces e sombras da intelixencia artificial a través da visión de expertos e da sociedade. Para afondar neste interesante estudo falamos con Miguel Conde, director xeral creativo de BAP&Conde, quen foi o encargado de presentar os resultados deste informe en sociedade hai uns meses no marco do congreso Mundos Digitales na Coruña.

– Que motivou a realización deste informe por parte do voso obserBAPtorio?
– Nós temos como filosofía de compañía a observación social para buscar, encontrar tendencias e preferencias dentro dos mercados, para utilizalas no noso traballo, e dalgún xeito nos definimos como observadores sociais e creadores. Cremos que non pode haber unha cousa sen a outra cando o teu traballo é precisamente a persuasión. Dentro diso creamos unha ferramenta que chamamos o ObserBAPtorio que trata ciclicamente de poñer o foco nalgún asunto que cremos que pode incidir no desenvolvemento das motivacións do consumo e da sociedade xeral. E ese foi o arranque.
Este ano tocoulle á IA como tema candente e decidimos pór unha lupa especial dende unha perspectiva que pensamos que estaba pouco analizada. Até agora a IA era suceso técnico, desde un punto de vista, de programación, de informática... pero non desde a recepción da propia sociedade. Pareceunos interesante. Non imaxinamos a riqueza dos resultados e do propio traballo, e o sorprendente dalgunhas das afirmacións que encontramos.

– Como realizáchedes a enquisa na que se basea o voso estudo?
– Fixemos dúas ondas. Ten representación nacional cun nivel de confianza do 25,5 e unha resposta en liña. Na segunda onda fixéronse tamén outras 1.500 enquisas. Engadiuse unha parte de observatorio profesional, con entrevistas en profundidade con doce profesionais de distintas universidades do mundo e que fixemos en colaboración con Mundos Digitales, que axudou, entre outras cousas, na selección deses perfís profesionais.

– Ao expor as distintas aplicacións da intelixencia artificial aos consultados atopáchedes moita discrepancia entre os ámbitos nos que a sociedade considera que a IA sería probable e nos que sería desexable que puidese empregarse?
– Si, un dos acertos, creo que foi o plan da recollida de información que fixemos en dúas capas ou dúas esferas: o que consideramos probable e o que consideramos desexable. Moitas cousas que a xente cre que son probables, cre que son negativas para a sociedade. Este pensamento apocalíptico témolo todos. Imos mal e imos demasiado ás présas para algún sitio que non sabemos. Iso dábanos dunha forma intuitiva unha resposta doada para ver o que era o prognóstico social e tamén o prognóstico individual, é dicir, o que sexa desexable. O que non imaxinábamos é que fosen desexables algunhas das cousas que encontramos.

– Entende a poboación que estamos ante unha nova revolución industrial? Vemos perigar o futuro do emprego por mor da IA?
– Cando empezamos a falar deste tema respondería que non. A día de hoxe respondo que absolutamente si. Digo que a intelixencia artificial é un mal paso dende un punto de vista de branding, do nome. As tecnoloxías dixitais sempre chegan asociadas a nomes, conceptos e marcos mentais positivos. Falábase da democratización do consumo. Sempre digo que as cookies chámanse cookies (galletiñas) porque se chegan a chamarse araña espía seguramente se aceptarían menos. Xeralmente sempre foron eufemismos. Que pasou? Que a intelixencia artificial xa ten na súa denominación un mal concepto: que é artificial. Que é sinónimo nalgunha das súas acepcións, de engano, de non auténtico. Ten un problema de concepto. Isto explícase porque non foi un nome creado hai pouco, foi un nome da metade do século pasado. Aínda non había tanta premeditación á hora de denominar.
Hoxe é moi evidente que hai moitos colectivos preocupados. Acabamos de asistir á folga de guionistas de Hollywood. Hai moitas cousas que son paradoxais. Resulta que os programas de Intelixencia Artificial nútrense de cousas que atopan na Rede. Todo iso cólleno sen permiso e sen pagar. Despois o resultado si ten propiedade intelectual. Véselle á pata de lobo debaixo da pel de cordeiro. Hai algo que é evidente, que é un intento empresarial lícito dentro dunhas coordenadas para facer negocios. Cal é o problema? Que a Internet converteuse na última década nun negocio de catro. A Internet, que era un canto á liberdade, que albergaba iniciativas tan altruístas como a Wikipedia, converteuse nun negocio de compañías, deixando o poder en mans de moi poucos, e todo poder concentrado en poucas mans xera unha alerta social inmediata, por unha cuestión de hixiene social. Hai unha preocupación grande.
Cando se dicía que a IA ía eliminar os traballos menos cualificados. Había unha certa complicidade con ela, como se os traballos menos cualificados non merecesen ser protexidos. E resulta que non, que realmente os traballos que máis ameaza son os máis cualificación, nos que máis haxa que pensar, os que máis precisen de datos, de ferramentas... é aí onde realmente se dispara. Son xente con moito predicamento social. Son xente que ten moita visibilidade. Tras unha folga de guionistas e unha folga en Hollywood que paralizan as series, paralizan o contido dixital... fanse moi rechamantes. Pero si, hai unha crecente preocupación.

– De xeito xeral, percibimos a IA como unha oportunidade ou como unha ameaza?
– Eu creo que nas partes positivas da IA son unha oportunidade (mencionan casos como que pode curar o cáncer ou pode previr un infarto), e ninguén quere rexeitar ese tipo de avance, pero a ameaza chega cando lle toca de pleno a un. Temos detectado respostas, como por exemplo, un 70-80% da xente que pensa que o seu traballo pode desaparecer polo impacto da IA, pero un 40% o considera desexable. Imaxinamos que quererán que lles leven o cheque a casa, pero realmente hai xente que confía aínda nesa parte mesiánica que teñen as tecnoloxías.

– Cando vemos certas obras creadas por intelixencias artificiais xenerativas pode resultar difícil saber se foron obra dunha persoa. Afectará iso á percepción do valor? Consideraremos máis valiosas as tarefas desenvolvidas por persoas?
– Si e si. É evidente que a banalización do proceso está aí. Eu recordo cando había fotomecánica nas imprentas, logo xa o facía directamente o propio ordenador. Había pouca xente afectada e listo. Noutro momento chegou o Photoshop. Converteuse nun xénero de manipulación de fotos. Era unha especie de ferramenta milagrosa. Agora isto é moi doado. Só tes que darlle instrucións coa voz e darlle briefings. Agora está ao alcance de calquera. Xa non é preciso aprender a manexar o Photoshop. Calquera pode facelo na súa casa e o resultado das imaxes é bo (con limitacións) pero resolve unha chea de cousas. Igual que cando se empezou a facer carteis con impresoras dixitais en casa. Ese mercado vai cambiar. Xa cambiou!
Se se lle vai dar máis valor ao artesanal? Si, sempre o tivo. Outra cousa distinta é a curva do prezo. Nós temos a Fundación Knowcosters na que traballamos en cousas como rexistrar a pegada fiscal, a pegada de emprego... E estamos traballando agora nunha pegada de identificación dos produtos dixitais de IA xenerativas. Por que? Porque cremos que a xente merece información. Definímonos informacionistas. É evidente que algo feito pola intelixencia artificial ten que ser asinado, para que cando usen a min a voz nunha broma poida identificarse que é unha intelixencia artificial, como coas marcas de auga que se lle poñían as fotos para saber que iso non podías collelo de balde. Os temas van por aí.
Ábrese aí o tema das propiedades intelectuais. Creo que unha das cousas que máis lle boto en cara (debe de ser porque estudiei Dereito) é que o mundo xurídico está absolutamente pasivo desde hai 40 anos. Producíronse cambios copernicanos, cambios tectónicos, no mundo do Dereito, como a globalización: o principio de territorialidade quedaba en dúbida. Agora estase a producir un fenómeno copernicano no mundo da propia intelectual. Eu non vexo moita iniciativa xurídica. Hai moita pasividade ao considerar que o cambio é imparable. Imparable que quere dicir? Que se me van cortar a perna teño que tragar? Non! É evidente que temos que reflexionar como sociedade, saber cara onde queremos ir.

– Podemos fiarnos dunha IA? Pensa a xente que podemos fiarnos dos resultados de ChatGPT, de Bard ou da IA que toque, como mínimo co nivel de confianza que podemos ter no que din políticos e medios de comunicación?
– O 70% da sociedade cre máis a unha IA que a un político. O 40% cre máis á IA que aos xornais e o 60% da sociedade confía nas IA para detectar falsidades, que é como pór a Al Capone de xefe da Policía de Chicago. Que axude a resolver crimes? Un 90% da xente o ve probable: Robocop está aí!

– Pensa a xente que debemos regular a IA? Tememos a Skynet?
– O 70% dos expertos e o 70-80% da xente pensan que habería que regular. Pero eu engadiría a autorregulación. Hai moitas cousas que non están reguladas e non as facemos. O que si creo é que deben pór barreiras de entrada, porque estamos a falar de intereses globais moi fortes e moi difíciles de delimitar. Creo que si que se debería actuar, pero máis dende a autorregulación.
Se eu non consumo algo, ese algo vai a cambiar. Estamos aceptando cookies de forma permanente. No momento en que non as aceptemos o Big Data terá que ter unha proposta máis persuasiva e menos invasiva, menos falsa. Aquí igual. Se todos estamos usan ChatGPT, facendo cousas xenerativas e adestrando á propia intelixencia que cada día será mellor... será evidente que estamos facéndoo mal.
Creo que aquí hai un abandono de información por parte dos poderes públicos. Antes de regular hai que informar. Pero claro, cada vez que falas e pos matices parece que vas en contra, que é unha postura perfectamente lícita. Hai moitas cousas que son avances tecnolóxicos e pódese ir en contra, como no caso da bomba atómica, coa que hai un consenso xeral de que non é boa idea. Isto pode ser a bomba atómica, senón reaccionamos ao tempo. Son optimista, creo que se vai facer.

– Debemos integrar a IA no sistema educativo?
– O sistema educativo, por definición, ten que ser educativo. A IA apréndese a manexar nunha tarde.
O xornalista Douglas Rushkoff comenta que as elites do mundo tecnolóxico educan os seus nenos sen tecnoloxía. Educar é amoblar a cabeza, entón tes que facer un pouquiño de ximnasia mental. O que si creo é que a xente ten que aprender a utilizar a súa capacidade calculo e a súa imaxinación, e ten que ler en papel, porque lembramos mellor o que lemos en papel.

– Estamos abertos a integrar a IA no noso traballo diario? Ou tememos que a súa aplicación na empresa deshumanice o traballo?
– Agora supón unha optimización, unha redución de custos. Hai moitos traballos que van obviando ao ser humano. O problema sobre o que hai que reflexionar é que a poboación do planeta é cada vez máis grande, e a necesidade do ser humano na produción de servicios é cada vez máis pequena. A pregunta é: que vai facer o ser humano?

– E que pasa cando falamos de decisións moi serias como podería ser o uso da IA para, por exemplo, distribuír axudas sociais, detectar fraudes ou aplicar a Xustiza?
– Creo que a decisión sempre ten que ser humana. O ser humano ten que estar arriba de todo na cadea de decisión. Se se mantén iso, o tema será sinxelo.

–E non podemos rematar sen deixar o informe de lado e preguntar a Miguel Conde polo impacto da IA no sector publicitario, tanto a nivel da creatividades como do xeito de achegarse ao público.
– A IA estase a empregar masivamente, tanto para a creación xenerativa de imaxes como para unha chea de cousas. O sector ten que deixar de ter o snobismo no seu ADN e pensar que somos un sector de seres humanos.
Hai cousas aproveitables das que debemos tirar proveito, pero pode converterse nun desastre se fai imposible vivir do noso traballo ou fai imposible que a sociedade viva en paz.
Sobre o xeito de chegar á xente, dende hai tempo xa temos o Big Data, o retargeting, as cookies... E todo isto coido que vai mudar dende o punto de vista humanístico, cando as plataformas teñan que dicir o que está a pasar cos nosos datos, nunha Revolución Dixital 3.0. A IA pode axudar a revistar todo isto. A IA boa pode axudar a deixar máis patente o lado máis escuro do Big Data.

Algúns momentos da entrevista en vídeo

PUBLICIDADE