Microsoft Office 365 xa fala galego e euskara para as empresas

xoves, 24 de abril do 2014 Redacción

A multinacional Microsoft vén de anunciar que un dos seus produtos -Microsoft Office 365, unha solución de comunicación e colaboración na nube- está a partir deste intre dispoñíbel para empresas en galego e euskara. Logo de anunciar a dispoñibilidade de Microsoft Office 365 para empresas en català o pasado mes de xaneiro, a compañía lanza o paquete ofimático en dúas linguas cooficiais máis de España: o galego e o euskara. Con este lanzamento, Microsoft Office 365 (presente en 131 mercados) eleva a cifra de idiomas dispoñíbeis a 43.
Na páxina web de plans para empresas de Office 365 en España, Microsoft xa achega a posibilidade de escoller entre galego, català, euskara ou español, para calquera plan de Office 365 para o eido corporativo. Os usuarios domésticos tamén poden empregar xa a versión de Office 365 Home Premium nestas tres linguas, para o que teñen que descargar os paquetes de idiomas.
Por último, sinalar que Microsoft Office 365 inclúe: Office Professional Plus (ferramentas Excel, Word, PowerPoint e Outlook), Exchange Online (correo electrónico empresarial con calendarios de uso compartido, correo de voz e mensaxería unificada, correo electrónico móbil, caixas de correos de 25XB), Lync On Line (conferencias de audio e vídeo de PC a PC e para crear reunións en liña con uso compartido do escritorio) e SharePoint Online para crear sitios co obxectivo de compartir documentos e información con colegas e clientes, extranet para compartir arquivos de gran tamaño e acceso sen conexión a documentos a través de espazos de traballo.

PUBLICIDADE