Meubook edita en formato electrónico o dicionario castelán-galego de frases feitas

venres, 10 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

As conversas de ascensor, de enterro ou de consulta do dentista tamén se poden dicir en galego e coa retranca marca da casa. Isto sabémolo ben: quen máis quen menos, por moito que criticase a rutina das frases feitas, meteuse algunha vez na enleada de falar do tempo ou de que non somos ren, e cousas polo estilo, ao non contar con nada máis interesante que dicir. Con todo, de facelo, mellor facelo ben, propiamente e na nosa lingua. Para axudarnos, o selo en liña Meubook vén de editar en formato electrónico o Dicionario Fraseolóxico bilingüe castelán-galego,, importante ferramenta de consulta para falar de maneira axeitada cando precisamente, falamos por falar.
A obra vén da man de Xosé Antonio Pena, e xa se pode mercar. Segundo conta A Nosa Terra, só está dispoñíbel polo de agora en forma electrónico, pero non se descarta unha achega futura en papel. O seu prezo é de 30 euros, e recolle máis de 8.500 expresións, frases feitas e xeitos dicir en idioma castelán e 25.000 na nosa lingua. Para a realización do traballo, Xosé Antonio Pena empregou de alicerce un traballo previo de seu, o Dicionario Cumio de expresións e frases feitas castelán-galego, de 2001.
Coa súa nova achega, póñense en xogo unha serie de importantes actualizacións, ampliacións de fondo e mesmo novas funcións, como o feito de que se nos permita coñecer a fonte da que abrolla cada expresión ou frase feita. Unha das grandes vantaxes do traballo, alén de amosar a amplitude do mundo das frases feitas (moito máis amplo do que se pensa), é que posibilita a reivindicación do noso fronte ao espallamento do castelán, unha lingua que polo seu volume de falantes (que non para de medrar) e polo que apoio que recibe dende medios de comunicacións e institucións de todo tipo (moi dadas ás expresións prefabricadas), conseguiu deixar nun segundo plano ás nosas expresións equivalentes, que con este Dicionario podemos poñer de novo en valor.

PUBLICIDADE