Meta quere controlar a idade dos usuarios de visores Quest

martes, 2 de abril do 2024 Marcus Fernández

Aínda que utilizar visores de realidade virtual non é o máis recomendable para cativos, é un feito que gozan deste tipo de dispositivos, e finalmente Meta decidiu tomar medidas, de xeito que está a implantar un sistema de confirmación de idade para as contas de Meta en dispositivos Quest 2 e 3, para así poder acceder ás ferramentas, o contido e as proteccións acordes á súa idade.
Deste xeito, Meta ten agora tres tipos de usuario en función da súa idade: adultos (maiores de 18 anos), adolescentes (maiores de 13 anos, que teñen a súa conta configurada como privada inicialmente e poden supervisarse mediante ferramentas de control paterno) e pre-adolescentes (maiores de 10 anos, que requiren a súa configuración por parte dos seus proxenitores).
Cómpre salientar que estamos a falar de proteccións relativas ao software, pois non podemos esquecer que os visores non están deseñados para o seu uso por cativos, especialmente no que se refire á distancia interpupilar e ao peso que ten que soportar o seu pescozo, polo que o uso deste tipo de dispositivos por rapaces de entre 10 e 12 anos é algo que habería que facer con moderación e control para evitar problemas físicos, e non preocuparse só polos tipos de contidos aos que poden acceder.

PUBLICIDADE