Medra a presenza no mercado de tecnoloxía para inhabilitar os móbiles nas escolas

mércores, 19 de setembro do 2007 Raquel Noya

Mentres uns pais debaten sobre se os menores de 16 anos deben ou non ter móbil, outros estrugan os miolos procurando atopar un dispositivo co que ter ós seus fillos localizados en todo momento e outros pregúntanse se estar enviando SMS decote lles afectará á correcta aprendizaxe da linguaxe. O certo é que a día de hoxe é raro ver nenos de máis de 8 anos sen o seu propio teléfono móbil no peto (ou, máis a miúdo, na man) e o que é máis preocupante, nas escolas. Gústenos ou non, o emprego destes dispositivos nas aulas comeza ser unha escena moi habitual e, mentres o mestre fai esforzos por acadar a atención dos alumnos, estes distráense enviando SMS, tomando fotografías, gravando vídeos, entreténdose con algún xogo ou até realizando algunha chamada cos seus móbiles de última xeración. Porén, xa hai quen lle quere poñer freo a esta estampa. Vémolo na presenza cada vez maior na Rede dos anuladores-inhibidoresnas escolas, destacando pola súa novidade os 3G, uns sistemas de regulación que permiten controlar o uso de móbiles e MP3 nos colexios e institutos nos que se instale.
O obxectivo destes produtos é mellorar o clima escolar nas aulas dos colexios, universidades e centros de ensino nos que os mestres aseguran “que os alumnos empregan o móbil de xeito moi xeneralizado, o que dificulta en boa medida o ritmo das explicacións”.

Mediante o emprego de anuladores-inhibidores 3G, sosteñen os responsables de portais especializados nestes produtos como o da Factoría Espía, nin os alumnos nin os docentes poderán empregar esta tecnoloxía nas zonas inhabilitadas para o emprego de telefonía móbil, co fin de que a aplicación desta norma sexa o máis transparente posible para as asociacións de pais e alumnos.

PUBLICIDADE