Medium estrea un formato de narración orientado a móbiles

xoves, 2 de marzo do 2017 Marcus Fernández

As historias de Snapchat están a converterse nunha tendencia imparable, como ven demostrou a súa adopción por parte de Instagram, Facebook e WhatsApp, e agora é Medium quen sucumbe a este concepto e presenta as súas Series, un novo formato para compartir historias optimizadas para dispositivos móbiles, que distribúen a información en tarxetas polas que podemos navegar co dedo (o que tamén lembra os Momentos de Twitter) e que incluso poden crearse dende o ordenador a través da versión web do servizo.
Aínda que este novo formato está dispoñible para a súa lectura dende a aplicación de Medium para iOS e Android, polo momento a creación das novas Series está limitada aos móbiles de Apple.
As Series de Medium queren explorar novos xeitos de narrar historias pensando no pequeno tamaño das pantallas dos móbiles, quedando agora por ver o uso efectivo que os usuarios fan deste novo formato que difundirase en boa medida grazas ás notificacións móbiles (recibiremos un aviso cada vez que un usuario ao que sigamos publique unha Serie) e incluso poderemos pausar a súa lectura para retomala noutro momento (xa que o sistema gardará a nosa posición na mesma), sendo posible achegar feedback ao creador unha vez completada a lectura.

Vídeo de presentación das Series de Medium

PUBLICIDADE