Medio cento de persoas participarán este venres na xornada de presentación da 3ª edición de Talentos Inclusivos
luns, 31 de outubro do 2022
A
Sala Leonardo da Domus da Coruña vai acoller este venres 4 de
novembro a xornada de presentación da terceira edición do proxecto
Talentos
Inclusivos, impulsado polo CITIC da UDC e ASPACE Coruña para
“fomentar vocacions científicas e tecnolóxicas entre o alumnado
de Secundaria e Bacharelato e, á vez, dar visibilidade á
diversidade funcional”. A xornada de presentación xuntará medio
cento de persoas na Domus, entre estudantes, docentes, integrantes de
ASPACE, investigadores e autoridades locais, autonómicas e estatais.
“Facilitar
a integración tecnolóxica e social a través das TIC entre persoas
con diversidade funcional” é o cometido principal do programa
Talentos Inclusivos, promovido polo Centro de Investigación en
Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC e a
Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE)
Coruña.
Como
dixemos, Talentos Inclusivos está orientado ao desenvolvemento, por
parte de alumnado de Secundaria e Bacharelato, de solucións TIC
(Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para persoas con
diversidade funcional. Ata o momento participaron 11 centros
educativos e 280 estudantes da provincia da Coruña.
Promovido
polo CITIC e ASPACE Coruña, conta ademais co apoio do Consello
Social da Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, a FECYT do
Ministerio de Ciencia e Innovación e a Xunta de Galicia.
O
proxecto ten como se dixo o duplo obxectivo de fomentar as vocacións
TIC entre o alumnado e, á súa vez, dar visibilidade á diversidade
funcional. Para iso, en cada edición, créanse grupos de traballo
colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña e
estudantes de centros educativos da provincia, apoiados polo seu
profesorado e persoal investigador do CITIC. Os/as usuarios/as de
ASPACE Coruña propoñen diferentes retos tecnolóxicos, atendendo ás
necesidades prioritarias que eles detectan, para ser solucionados por
parte do alumnado.
Produtos
de apoio con impresión 3D, acceso ao computador e ao móbil,
comunicación, fogar intelixente, rehabilitación e ocio son as áreas
de traballo nas que os alumnos desenvolverán ferramentas e solucións
TIC concretas.
Premios
Ao
longo da súa traxectoria, Talentos Inclusivos leva recibidos
diferentes recoñecementos polo alcance, dimensión e obxectivos do
proxecto. Destacan os concedidos polo CPEIG á Innovación
Tecnolóxica no Ensino e pola Deputación da Coruña ás Boas
Prácticas en Servizos Sociais, entre outros.
