Medio centenar de persoas participaron na xornada do CITIC sobre captación de talento galego no exterior

xoves, 13 de xuño do 2019 Redacción

De esquerda a dereita, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández; o director do Centro de Regulación Genómica (CRG), Luis Serrano Pubul; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; o director de ICREA, Antonio Huerta Cerezuela; e o director xeral de Ikerbasque, Íñigo Atxutegi Basagoiti.

Atopar respostas eficaces para que a nosa comunidade investigadora no exterior teña a oportunidade de regresar e facer carreira aquí, na mellor das situacións posíbeis. Este foi o gran obxectivo da xuntanza celebrada hoxe na sede do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, a xornada Retornando talento emigrado, organizada xunto co Consello Social da UDC.
En termos máis concretos, a finalidade foi “poñer en valor a mobilización internacional do persoal docente e investigador e impulsar iniciativas que posibiliten o regreso destes profesionais para transferir o coñecemento e excelencia a súa Universidade e país de orixe”. A xornada contou con preto de medio centenar de asistentes.
A apertura do evento correu a cargo do reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo. Na inauguración, o reitor da UDC sinalou que a Universidade ten “un reto moi importante”, xa que “ademais de atraer talento, tamén debe conseguir retelo” e proporcionar “estabilidade e posibilidade de desenvolvemento da carreira investigadora”.
Pola súa banda, o director do CITIC, indicou que o obxectivo do centro é “dar un paso máis no retorno e na captación de persoal” e que se deben “atopar fórmulas que permitan recuperar a esas persoas e integralas no ámbito da Universidade”. O presidente do Consello Social da UDC destacou a “aposta da Universidade pola investigación como garantía de futuro do noso país”, apuntando tamén que “o saldo migratorio do talento é moi negativo, xa que en España non se aposta por iso”.
Participaron no evento diferentes expertos do panorama nacional que presentaron diferentes programas de captación de talento: o director do Centro de Regulación Genómica (CRG), Luis Serrano Pubul, que presentou a SOMM Alliance; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández, co programa InTalent; o director xeral de Ikerbasque, a Fundación Vasca para a Ciencia, Íñigo Atxutegi Basagoiti; e o director de ICREA, Antonio Huerta Cerezuela.

PUBLICIDADE