Media Markt inicia en Ferrol o proceso de selección para a apertura do seu novo centro galego

luns, 1 de xullo do 2013 Redacción

A cadea Media Markt, especializada na distribución de electrónica de consumo e electrodomésticos, anunciou oficialmente a semana pasada a apertura dun novo establecemento en Ferrol, onde a compañía ten a previsión de crear 50 postos de traballo. A elección de Ferrol como nova sede galega da firma, a engadir ás da Coruña, Vigo e Lugo, ten que ver coa potencialidade da cidade galega e da súa comarca e tamén, “coa súa estrutura descentralizada”, en palabras de Media Markt. Segundo engaden fontes da empresa, a vindeira incorporación de Ferrol aos servizos da mesma achegará, a maiores, un número importante de empregos indirectos, sobre todo coa contratación de servizos de mantemento, loxística, seguridade e publicidade.
O establecemento, que conta cunha superficie aproximada de 2.500 metros cadrados, é o cuarto que a cadea abre na nosa terra e estará situado en Parque Ferrol, unha área comercial de gran interese para a compañía por estar “ben comunicada e achegar comodidades para os cidadáns”.
O proceso de selección desta nova tenda xa empezou e estará vixente até o próximo 12 de xullo. Os interesados poden enviar as súas solicitudes a través de mm.ferrol.rrhh@mediamarkt.es, ou a través da web www.mediamarkt.es, na sección de emprego.
Media Markt, que actualmente conta con 70 establecementos en España, ten previsto finalizar o ano con outras dúas aperturas máis, a de Ferrol e a de Parets de Vallés, na provincia de Barcelona.

PUBLICIDADE