Marina Otero aborda no CITIC os retos do almacenamento dixital e a crise climática
martes, 3 de xuño do 2025
A Cátedra INDITEX-UDC de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes retoma o seu ciclo de conferencias Converxencia verde: IA para un futuro sustentable e faino da man de Marina Otero Verzier, profesora na Graduate School of Architecture, Planning and Preservation (GSAPP) da Columbia University (Nova York). A charla terá lugar no CITIC da UDC.
A súa conferencia, titulada Nas profundidades da nube será o venres 6 de xuño ás 12:00 h, na Sala Cloud do CITIC, no Campus de Elviña da Universidade da Coruña, con entrada libre ata completar aforo. Para inscribirse só é necesario encher o formulario habilitado.
Na súa intervención, Otero explorará os modelos futuros de almacenamento dixital desde unha perspectiva crítica e interdisciplinar. Partindo das implicacións ambientais e sociais da chamada “nube”, sen deixar de lado o seu elevado consumo de enerxía, proporá novas formas de deseñar infraestruturas dixitais que integren arquitectura, cultura dixital e preservación, “desde unha lóxica feral, relacional e situada”.
A conferencia enmárcase dentro da iniciativa Data Mourning, un proxecto liderado por Otero en Columbia, centrado na intersección entre infraestruturas dixitais e crise climática.
“Este evento supón unha oportunidade única para reflexionar sobre o futuro do almacenamento de datos e o papel da arquitectura e a IA no deseño de sistemas máis sustentables, críticos e humanos”, sinalan dende a Cátedra Inditex-UDC, cuxo obxectivo é “promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da IA e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente”.
Un equipo de 20 persoas conforman a cátedra, 16 delas están adscritas ao CITIC da UDC. Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Trátase dun grupo multidisciplinar “como é necesario na investigación en algoritmos verdes”, segundo sinala a investigadora principal do proxecto, Verónica Bolón, “que require o apoio de grupos de investigación do eido da Intelixencia Artificial e da informática, de problemas medioambientais, e da investigación ética, social e económica”.