Mar Pereira presenta no DES2021 os investimentos da Estratexia Galicia Dixital 2030

martes, 18 de maio do 2021 Fernando Sarasketa

Mar Pereira participou este 18 de maio na mesa redonda A xestión óptima dos fondos; perspectiva rexional do Digital Enterprise Show DES2021, que se celebra no IFEMA de Madrid, unha das principais citas internacionais para a análise e intercambio de experiencias sobre transformación dixital dende o punto de vista das empresas. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) fixo saber, entre outras cousas, que a Estratexia Galicia Dixital 2030 implicará uns investimentos públicos de 2.450 millóns de euros, e mobilizará outros 1.600 millóns de euros de procedencia privada.
“Estes máis de 4.000 millóns de euros”, dixo, “suporán o maior investimento en transformación dixital da historia desta Comunidade Autónoma”.
Xunto coa directora da AMTEGA participaron na mesa de debate a conselleira delegada da Axencia para a Administración Dixital da Comunidade de Madrid, Elena Liria Fernández; e o director xeral de Telecomunicacións e Dixitalización do Goberno de Navarra, Guzmán Garmendia Pérez. A mesa estivo moderada polo director de ventas ao sector público de T-Systems, Marius González.
Pereira salientou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 establece un marco xeral que permitirá optimizar os diferentes mecanismos de financiamento europeo, así como ferramentas de cooperación, tanto co Goberno de España como coas entidades locais. A planificación galega, engadiu, “está aliñada co marco dixital europeo reflectido nas prioridades dixitais 19-24 e no Digital Compass 2030, así como coa Estratexia España Dixital 2025”.
Segundo fixo saber, Galicia Dixital 2030 concentra as actuacións en 7 eixos estratéxicos: Goberno e administración intelixentes; sociedade dixital e inclusiva; entorno dixital para a saúde e o benestar social; territorio verde, intelixente e resiliente; conectividade dixital no territorio; cultura e turismo intelixentes e economía dixital e sustentábel.
Amais, a axenda desenvolve un eixo transversal, que impulsará a especialización tecnolóxica e centrarase en reforzar as capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías disruptivas, con especial foco na Intelixencia Artificial, a ciberseguridade e a conectividade de altas prestacións.
Pereira engadiu que para o logro dos obxectivos, “Galicia empregará e optimizará fondos propios e procedentes dos diferentes instrumentos de financiación da UE”. E explicou: “No caso concreto dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a axencia desenvolveu e presentou nos últimos meses iniciativas para aproveitar ao máximo esta financiamento para a transición dixital”.
Neste sentido, a Xunta presentou proxectos ás manifestacións de interese para os fondos comunitarios relacionadas co despregue de banda larga no rural, a dixitalización das pemes, a adopción da Intelixencia Artificial, o reforzo da ciberseguridade ou a xestión intelixente do territorio.

PUBLICIDADE