Manuel Rey gaña o Premio Somos Esenciais 2021 co seu podcast sobre a pandemia

xoves, 21 de xullo do 2022 S. P.

Manuel Rey Pan é o gañador do Premio de Xornalismo Somos Esenciais 2021, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, co podcast de GCiencia O ano da pandemia. O xurado decidiu tamén conceder nesta segunda edición do premio unha mención especial como finalista a Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa, unha reportaxe de Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins para o medio dixital Xarda e o xornal portugués Público.
O xurado, integrado por Isabel Bravo Francos, Antía González Paredes, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Lucía Rodríguez Peña, Ana Isabel Rodríguez Vázquez e Cristina de la Vega Jiménez, decidiu por unanimidade conceder o galardón ao podcast de Manuel Rey Pan O ano da pandemia, publicado o 13 de marzo de 2021. O premio, dotado con 1.500 euros, foi convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración con Gadis. Os membros do xurado destacaron a importancia deste traballo por "abordar a pandemia nun formato que está cada vez máis en valor nos medios de comunicación e pola súa visión ampla da pandemia que nos deixa un recurso atemporal do vivido nalgúns dos peores meses da pandemia".
Ademais, acordouse tamén conceder unha mención especial como finalista á reportaxe Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa, da autoría de Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins, publicada o 5 de decembro de 2021 no dixital Xarda, e tamén en portugués no xornal Público, un "exemplo de xornalismo transfronteirizo" nas palabras do xurado.
Os membros do xurado quixeron salientar a "alta calidade" dos dezanove traballos presentados ao premio, que "son un exemplo magnífico do labor realizado polos xornalistas durante esta longa época de pandemia, o que reforza o seu papel de colectivo esencial".
A organización realizará un acto de entrega do premio nunha data próxima aínda por concretar, da que se dará información a través das canles habituais.

PUBLICIDADE