Máis de dúas ducias de entidades impulsarán a transformación do sector turístico de Lugo

luns, 27 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Presentación da campaña de innovación turística no salón FITUR

A estratexia da Deputación de Lugo para atraer visitantes e facer comunidade e marca de seu nas redes segue a coller corpo. Estes días pasados, sen ir máis lonxe, a entidade provincial estableceu contactos coas asociacións e entidades que forman parte do Consello Provincial de Turismo para coñecer os detalles da súa participación no organismo, máis en detalle para obter coñecemento dos membros que formarán parte do consello. Estes e outros datos foron achegados polo deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, quen lembrou que o texto normativo do consello ficou aprobado definitivamente e que no seu pulo están a participar máis de dúas ducias de entidades. Como resultado, dixo, habilitarase unha plataforma participativa para facer medrar o sector cara a modelos competitivos e rendíbeis.
O deputado tamén recordou que esta actuación forma parte do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo (2017-2020) e que a súa orixe está nunha reclamación concreta feita polo propio sector, ao abeiro das mesas de traballo que se realizaron en torno a este Plan.
O obxectivo deste Consello Provincial é, como dixemos, impulsar o crecemento e a transformación do sector nos concellos de Lugo, facéndoo a través de modelos de consenso e promoción conxunta da marca do destino, tanto en medios e canles tradicionais como, sobre todo, nas contornas dixitais, que é onde cómpre facer o máximo fincapé para atraer turismo e mantelo no tempo.
Prazo ata o 14 de setembro
Trala súa publicación no BOP, o Executivo provincial xa puxo pon en marcha o proceso para poñer o Consello en funcionamento, demandando a todos os organismos implicados que nomeen o seus representantes. Todas as organizacións e asociacións implicadas neste proxecto teñen de prazo ata o 14 de setembro para comunicar á Deputación, mediante un escrito no Rexistro, o nome e os datos da persoa que formará parte deste novo organismo de participación.
Están convocadas un total de 26 institucións, relacionadas co turismo na nosa provincia, entre as que se inclúe, a Universidade de Santiago, a Federación Galega de Comercio, o Clúster de Turismo de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría, a Federación Galega de Turismo Rural, a Asociación Galega de Axencias de Viaxe, un representante de Auxilia, así como representantes de grupos políticos, entre outras.
O Plan Estratéxico participativo e aberto no que se insire a creación do consello artéllase en 4 eixes, 6 liñas estratéxicas, 14 plans de actuación e 71 accións a impulsar. Entre as actividades concretas que acubilla inclúese a creación do Consello de Turismo, un plan de sinalización ligado ás novas tecnoloxías da información (mellorando a accesibilidade aos recursos turísticos da provincia), o impulso á organización de eventos relacionados coa gastronomía e o fomento dunha rede de eventos culturais da provincia de Lugo, entre outras.

PUBLICIDADE