Máis de 170 profesionais deron vida á primeira edición de MobileCONGalicia

venres, 9 de decembro do 2011 Marcus Fernández

O compostelán Edificio CERSIA acolleu a primeira edición de MobileCONGalicia, evento dirixido a desenvolvedores de aplicacións móbiles e outros profesionais interesados neste sector emerxente, cun grande éxito de convocatoria, que demostrou o atractivo da xornada, tanto polo relatores de primeira fila que abordaban áreas moi dispares, como polo mero feito de xuntar a unhas 170 persoas involucradas dalgún xeito no creación de aplicacións para dispositivos móbiles para plataformas como iOS, Android e Windows Phone. Como grande sorpresa antes do evento, Zadia Software estreou o día anterior unha aplicación non oficial do mesmo que podía descargarse de balde do Android Market e que achegaba información sobre a localización do Edificio CERSIA e a programación do encontro.

Alberto Ruibal comentou a súa experiencia como desenvolvedor de aplicacións para Android

A concelleira de Turismo, Economía e Mercados do Concello de Santiago de Compostela foi a encargada de dar a benvida aos asistentes, dando paso a Alberto Alonso Ruibal (Mobialia), quen introduciu aos presentes no desenvolvemento para Android, narrando a súa experiencia persoal, e deixando claro que é posible vivir de facer aplicacións móbiles financiadas mediante publicidade.
Destacando entre desenvolvedores de Android e iOS, Eugenio Estrada fixo un achegamento a Windows Phone, plataforma cada vez máis atractiva, do que destacou tanto o seu potencial como as facilitades que está a pór Microsoft para achegar desenvolvedores á mesma.
Alberto Gimeno, pola súa banda, explicou os moitos modelos de negocio que hai ao redor das aplicacións móbiles, co que pretendía abrir os ollos ao auditorio sobre as posibilidades de tirar proveito económico do sector, indo máis aló do cobro por aplicación ou da venda de publicidade.
Tras unha pausa, dirixíronse á audiencia Ricardo Varela e Martín Pérez, para falar de web móbil (e API) e doutros xeito de facer aplicacións móbiles respectivamente, collendo o seu relevo para pechar a mañá Elena Pérez (de Spartanbits, compañía destrás do popular Go!Chat), quen pese a estar moi nervosa na súa intervención, non dubidou ao facer firmes aseveracións sobre os fallos habituais tantos das aplicacións para Android como do propio sistema operativo de Google, no que a interface se refire. Deu numerosos consellos sobre o deseño de aplicacións para que sexan máis doadas de manexar, para conseguir así unha mellor aceptación por parte dos usuarios.

Miguel Silva deu a coñecer o web:tv de Blusens á audiencia

A xornada da tarde comezou cunha presentación de Miguel Silva, de Blusens, quen amosou o seu web:tv, non só como un reprodutor multimedia, senón como un xeito ideal para levar a Internet ao televisor, instando aos desenvolvedores a elaborar aplicacións para o seu produto, xa que asegurou que as aplicacións para o televisor van ser a tendencia que vai seguir á actual febre polas aplicacións móbiles. Engadiu que o seu potencial para o negocio é aínda superior, xa que aínda que haxa certa resistencia para gastar cartos no móbil, o público xa está afeito a pagar pola televisión.
Jordi Bonet (Softonic) falou das novas tendencias no sector das descargas legais de aplicacións, Hermes Piqué detallou o uso de Unit Testing en iOS e Nacho Sánchez puxo fin á evento abordando o tema de vivir facendo aplicacións móbiles, no que quedou nunha mera promoción do emprendemento, posto que Alberto Ruibal xa deixara claro que é un modelo de negocio sustentable (chegando incluso a dicir os ingresos mensuais que conseguía coas súas aplicacións para Android).
Tras os relatorios, o salón de actos do Edificio CERSIA acolleu a celebración do concurso de aplicacións móbiles AppCircus.

O desenvolvemento para Windows Phone tamén estivo presente no MobileCONGalicia
O evento incluso contou cunha aplicación non oficial para dispositivos Android

PUBLICIDADE