Máis de 160 mozas e mozos participan este sábado na First League Galicia en Ferrol

martes, 14 de febreiro do 2017 Redacción

Estes sábado 18 celébrase en Ferrol a proba First Lego League Galicia. A cita, que se levará a cabo no auditorio ferrolán, vén da man da Universidade da Coruña, a través da Escola Universitaria Politécnica, a Facultade de Informática e a Escola Politécnica Superior de Ferrol. Segundo informan, a First Lego League, unha iniciativa internacional que promove a ciencia e a tecnoloxía na mocidade (a través de retos concretos que os equipos deben solucionar), é hoxe por hoxe o “meirande desafío de robótica educativa do mundo”, e a edición ferrolá será unha boa proba deste despregue de enxeño, creatividade e participación. Contará coa presenza de 161 rapaces procedentes de centros escolares de toda a nosa xeografía.
Nesta proba galega, clasificatoria para a gran final española que se celebra o 18 de marzo en Logroño, poderase ver polo miúdo a particular metodoloxía posta en xogo nos certames First Lego League: unha metodoloxía na que o proceso é máis importante có resultado (os criterios que máis se valoran son os traballos dos equipos e como fan eses traballos, salientándose en todo intre a importancia da experiencia como recurso de ensino). O desafío que teñen que resolver nesta ocasión os participantes (mozas e mozos da comarca ferrolá e do resto de Galicia e con idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos) recibe o nome de Animal Allies. En virtude deste reto, os equipos poñeranse na pel de animais para descubriren “o que se consegue cando se axudan uns aos outros”, explican os organizadores. O obxectivo último, amais de fomentar hábitos de traballo colectivo e creativo, é tomar conciencia da importancia de protexer os dereitos dos animais.
First Lego League Galicia terá lugar integramente no Auditorio de Ferrol, onde se habilitarán catro salas, a zona PIT, e o auditorio. Dará comezo ás 9:30 e rematará ás 14:30 horas. Participan alumnos de colexios de toda a Comunidade (Ferrol, Fene, Valdoviño, Ortigueira, San Sadurniño, A Coruña, Culleredo, Ourense...).
Na páxina web de FLL Galicia pódese consultar toda a información relativa ao torneo clasificatorio que se celebrará este sábado e que reunirá a decenas de mozos galegos. Tamén están presentes en Facebook, Twitter e Instagram.
Datos sobre a edición estatal
Arredor de 12.000 mozos de toda España traballarán en equipo nestas probas por Comunidades. A nivel internacional, fano máis de 250.000 estudantes de 88 países de todo o mundo. Segundo informan os organizadores da competición galega, España é o país de Europa con maior número de equipos, con 31 torneos de clasificación, máis de 1.600 equipos e 12.000 participantes. Todos eles veranse ante o desafío común de resolver problemática reais e presentar solucións creativas para salvaren a vida dos animais. En Galicia serán 23 equipos e 161 participantes.
A iniciativa First Lego League está impulsada en España, desde o ano 2006, pola Fundación Scientia, que en colaboración con universidades, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación, organiza o programa por todo o territorio.

PUBLICIDADE