Lugo forma aos seus maiores en novas tecnoloxías
mércores, 21 de outubro do 2020
Comezou
en
Lugo o curso de capacitación dixital para maiores de 65 anos que
organiza o Concello a través de Benestar Social. A responsábel
deste departamento, Olga López Racamonde, deu este mércores a
benvida ás e aos participantes desta actividade formativa, que vai
orientada a achegarlles capacitación para sacar o máximo rendemento
das novas ferramentas no seu día a día (para comunicarse, para
informarse, para manterse activos e para incrementar a súa autonomía
e adaptación aos cambios tecnolóxicos).
A
concelleira visitou as instalacións do Edificio de Novas
Tecnoloxías, que xunto a aula CeMIT María Balteira, son as
localizacións nas que se imparte a formación. Olga López sinalou
que aínda quedan prazas libres á disposición da veciñanza e
convidou á cidadanía a inscribirse: “Cómpre lembrar que se
desenvolve en catro convocatorias, en períodos de 10 días, a razón
dunha hora por xornada que pode ser tanto en quenda de mañá como de
tarde e que os usuarios e usuarias poderán escoller conforme as súas
preferencias”.
Segundo
indicou a concelleira, para completar as 9 prazas habilitadas por
quendas, priorizaranse factores como a situación de vulnerabilidade,
os recursos económicos e mesmo o nivel de soidade das e dos
candidatos.
A
matrícula poderá realizarse ben a través dos números de teléfono
646706344./ 689307601 en horario de 9:00 a 14:00; ben do correo
electrónico animacion.sociocultural@lugo.gal ou ben de xeito
presencial, solicitando cita previa nos centros sociais Maruja Mallo
ou Milagrosa.
López
Racamonde recordou que dende Benestar Social convocouse tamén outro
curso para adquirir competencias na tramitación básica coa
Administración Electrónica, neste caso destinado a persoas usuarias
dos Servizos Sociais que xa teñan coñecementos básicos no manexo
do ordenador e que terá unha duración de tres semanas a razón de
hora e media diaria.