Lugo e Telefónica toman posicións para levar fibra óptica ao casco histórico e ás zonas rurais

venres, 6 de novembro do 2020 S. P.

O Concello de Lugo está a preparar o terreo para o despregue integral de fibra óptica (tecnoloxía FTTH) no casco histórico e nas zonas rurais do termo municipal, que son, do mesmo xeito que noutros territorios da nosa Comunidade, as áreas máis prexudicadas pola falta de accesos de alta velocidade. Segundo fixo saber o Goberno local de Lara Méndez, esta aposta pola banda larga de alta velocidade materializarase no 2021. Será posíbel grazas ao acordo acabado de asinar con Telefónica.
No caso concreto do casco histórico, Concello e operadora acordaron conformar un grupo de traballo para definir as tarefas a realizar desde unha planificación previa, “e segundo o estado das infraestruturas e o coñecemento das necesidades nese ámbito, achegar a solución máis axustada para cada caso concreto e para cada edificación”, comentou Miguel Couto, concelleiro de Urbanismo Sostíbel.
Este mesmo venres, día 6, manterase a primeira reunión do equipo técnico na que se determinarán as zonas ou rúas do recinto amurallado nas que se van realizar os primeiros labores, que pasan polo desenvolvemento inicial de proxectos piloto a fin de establecer os procedementos máis adecuados.
Dende o Concello proporanse para acadar un consenso as seguintes áreas: A Raíña, Praza do Campo, Rúa do Miño e Rúa Nova, así como A Tinería. “Estamos a falar dun ámbito con comercio, hostalaría, asociacións e as oficinas de turismo municipal e da Xunta de Galicia, así como o barrio onde está emprazado o viveiro municipal de emprendedores a pé de rúa”, explicou Miguel Couto. Ademais, lembrou que a zona vella está rexida polo Plan Especial de Protección e Reforma Interior, o que obriga a que o cambio de cableado sexa respectuoso coa salvagarda do patrimonio, polo que a canalización deberá ser soterrada.

Zona rural

O Concello fixo saber que na zona rural de Lugo están moi avanzados os preparativos para os traballos de despregue, xa que a dita Concellería atópase tramitando o plan dunha rede de acceso de nova xeración mediante fibra óptica, que levará a banda larga a un total de 162 núcleos, abranguendo 3.011 unidades inmobiliarias da maioría das parroquias do concello de Lugo, o que suporá unha cobertura de aproximadamente o 80% da zona rural.
Estas actuacións están incluídas no Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBAN) que promove o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. O obxectivo destas axudas é “o de estender a cobertura das redes públicas de comunicacións electrónicas capaces de proporcionar servizos de banda larga de moi alta velocidade ás zonas sen cobertura axeitada nin previsións para a súa dotación nos próximos tres anos, a través da concesión de axudas aos operadores pertencentes ao sector privado”.

PUBLICIDADE