Localia cesará a súa actividade

xoves, 13 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O Consello de Administración de PRETESA, sociedade propiedade do Grupo PRISA, nunha xuntanza celebrada o pasado mércores día 12, tomou a decisión de cesar a actividade de Localia «ante as dificultades e incoherencia que presenta o marco regulatorio actual, pola saturación de licenzas de TDT e o desordenado desenvolvemento do sector, que imposibilitan a viabilidade do proxecto».
Deste xeito, a canle de televisión local que opera dende o ano 2000 terá que botar o peche ante «a crise económica e a caída do investimento publicitario, sen perspectivas de recuperación a curto e medio prazo», culpando tamén os seus responsables ao incumprimento dos prazos de concesión de licenzas e á arbitrariedade política coa que se resolveron algúns concursos de TDT rexional (co que supomos que se refiren a casos como o da Comunidade de Madrid, onde Localia non resultou elixida adxudicataria de licenza de TDT, polo que tería que desaparecer da capital do Estado).
Na actualidade Localia estaba a operar en 6 das 7 cidades galegas, e o cese de actividade afectará a entre 250 e 300 traballadores, faltando por coñecerse a data definitiva deste proceso de desaparición, nin cómo afectará ás licenzas de TDT das que a compañía resultou adxudicataria.
ACTUALIZACIÓN (14/11/2008): Parece ser que as emisións de Localia TV continuarán ata rematar o presente ano, de xeito que o cese de actividade tería lugar o 1 de xaneiro de 2009.
Algunhas das emisoras da cadea de Localia xa anuncian que continuarán a operar por non ser propiedade do Grupo PRISA, o que se aplicaría ás emisoras galegas (que pese a estar participadas por PRETESA teñen certa independencia).

PUBLICIDADE