Lanzada unha aplicación que avalía e ponlle nota ao noso xeito de conducir

xoves, 30 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

Un dos moitos usos que se lles pode tirar ás novas tecnoloxías ten que ver directamente co aforro e coa eficiencia. Ou sexa, con conseguir máis e mellor facendo ou gastando menos. Isto ten aplicacións en moitos eidos, e tamén no eido das estradas e a condución, onde dende antigo imponse por desgraza a filosofía oposta: acelerar moito e facer moito ruído para finalmente acadar ben pouco. Que pasaría se houbese unha aplicación que fose en certa maneira intermediaria entre nós e as compañías de seguros? Dende sempre houbo bos e malos condutores: os primeiros desexando que as aseguradoras soubesen do seu bo facer (e actuasen en consecuencia: cobrando menos) e os segundos devecendo polo contrario. A aplicación Generali Driver satisfará aos bos condutores e as ditas empresas, e obrigará aos cafres a deixar de acelerar cando arrabeen por facelo.
Trátase dun recurso para dispositivos móbiles lanzado para iOS e Android pola empresa do mesmo nome xunto coa operadora Telefónica. Diríxese a axudar na mellora dos nosos hábitos de condución e a traballar a prol da seguridade nas vías. En base ao seu uso, recompensa aos bos condutores con premios, sorteos e trofeos, amais de con aforro no pago mensual do seguro.
Generali Driver incorpora algoritmos avanzados que avalían e estudan unha manchea de parámetros (a posición, a velocidade, a aceleración, as freadas, o comezo e o remate do traxecto, o noso xeito de manexar o volante e o automóbil) para logo fornecernos dunha serie de claves e pautas a seguir en vista do que facemos ben e do que é mellorábel. Estes datos obtenos a aplicación a partir do noso móbil, sen que sexa preciso instalar dispositivos ou engadidos extra. Por certo que amais do devandito, o servizo cualifica o noso xeito de manexarnos na estrada cunha puntuación de 0 a 100.

PUBLICIDADE