LG podería integrar webOS nos seus smartwatches

xoves, 8 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

O CES de Las Vegas está a traernos algunhas sorpresas bastante curiosas, como que LG, aparte de integrar webOS nos seus televisores conectados, tamén estarían a trasladar o recuperado sistema operativo a wearables, e concretamente descubriron que o prototipo dun reloxo de pulso deseñado coa colaboración de Audi empregaría Open webOS, o que podería iniciar unha nova senda de desenvolvemento.
O mencionado sistema operativo era obra da empresa Palm, e tras a compra da empresa por parte de HP quedou abandonado, de xeito que en 2012 decidiron liberar o seu código, o que agora é unha nova oportunidade para os fabricantes de smartwatches e outros wearables que queiran diferenciarse dos numerosos trebellos que están a chegar con Android Wear.
O reloxo que puido verse no CES contaría con aplicacións de marcación telefónica, mensaxería, música, calendario, correo electrónico e saúde, así como unha aplicación de Audi que permitiría controlar certos elementos do vehículo co que se emparellase o reloxo. Tamén cómpre detallar que, aínda que inicialmente está previsto que este tipo de dispositivo funcione en combinación cun smartphone, a versión wearable de webOS tamén permitiría un funcionamento autónomo, ou sexa, que podería empregarse directamente como teléfono móbil.
Coméntase que o novo produto podería responder ao nome comercial de LG W e funcionaría cun procesador Qualcomm Snapdragon 400, como moitos outros smartwatches, aínda que polo momento non se desvelou oficialmente ningunha información sobre o mesmo.

PUBLICIDADE