Juan Romero, do CITIC, recibe o premio ao mellor investigador en computación evolutiva de Europa

venres, 16 de abril do 2021 S. P.

Juan Romero, profesor da UDC e investigador do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), vén de obter un importante recoñecemento internacional polas súas contribucións á Intelixencia Artificial á Computación Evolutiva. Trátase do Award for Outstanding Contribution to Evolutionary Computation in Europe, outorgado pola sociedade científica Species.
Este premio europeo outórgase ao investigador que máis contribuíu á investigación en tecnoloxías avanzadas para a análise da información e a Computación Evolutiva, unha rama da Intelixencia Artificial que propón o uso de mecanismos inspirados na xenética para a resolución de problemas, ferramentas que permiten, entre outras cousas, que un computador poida crear un programa que resolva un problema, por si só.
Juan Romero formou parte activa no crecemento da Intelixencia Artificial aplicada á tarefas creativas e estéticas como artes, música ou deseño, sendo o fundador e responsable do congreso Artificial Intelligence applied to Music, Sound, Art and Design, que actualmente é o maior congreso internacional dedicado a Intelixencia Artificial aplicado a temas de creatividade e estética.
O xurado tivo en conta tamén as súas numerosas contribucións científicas ao eido computacional, como a edición de números especiais en revistas de referencia en Computación Evolutiva, en Intelixencia Artificial e en Deep Learning.
Tamén se valorou especialmente a participación de Juan Romero como socio-fundador e director de I+D da spin-off da Universidade da Coruña, PhotoIlike, por converter investigación de referencia en Intelixencia Artificial en produtos aplicados ao mundo real. PhotoIlike comercializa un produto capaz de predicir o impacto comercial de calquera imaxe inmobiliaria. Foi fundada en xaneiro deste ano e está presente en máis de 4.000 axencias inmobiliarias en España. O profesor Romero engade por segunda vez devandito galardón ás vitrinas de PhotoIlike, xa que anteriormente o profesor Penousal Machado (tamén socio fundador) recibiuno en 2016.
O investigador Juan Romero é Profesor Titular da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e membro do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC).

PUBLICIDADE