Investigadores do CITIC únense ao consorcio internacional da misión espacial EUCLID

martes, 4 de maio do 2021 Redacción

Os investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Carlos Dafonte, Minia Manteiga, Marco A. Álvarez e Daniel Garabato, integráronse recentemente no consorcio internacional que contribúe ao desenvolvemento da misión EUCLID da Axencia Espacial Europea (ESA). Trátase dunha ambiciosa misión que ten o obxectivo de investigar a orixe do universo, a historia da súa expansión e o crecemento das estruturas cósmicas durante os últimos 10.000 millóns de anos.
O lanzamento do telescopio espacial está previsto para a segunda metade do ano 2022. O telescopio cartografiará a forma, brillo e distribución tridimensional de 2.000 millóns de galaxias, cubrindo máis dun terzo do firmamento e remontándose ata o primeiro cuarto da historia do universo.
Así, a súa finalidade é atopar respostas a unha cuestión clave para comprender a evolución e o destino do universo: que papel xogan a materia escura e a enerxía escura. Estes compoñentes combínanse coa gravidade para influír na evolución do cosmos; a enerxía escura acelera a expansión do universo, mentres que a materia escura acelera o crecemento da estrutura cósmica, pero non hai consenso a nivel científico sobre que son en realidade estes compoñentes.
O gran volume, diversidade e nivel de precisión das medidas precisan dun considerable esforzo para o seu procesado, sendo unha parte crítica da misión. Un total de nove centros de datos procesarán máis de dez petabytes de datos ao longo de dez anos. Estímase que en 2032 poderá facerse pública unha base de datos para a toda a comunidade científica.
Desta forma, o equipo do CITIC, formado pola astrofísica Minia Manteiga e os enxeñeiros informáticos Carlos Dafonte, Marco A. Álvarez e Daniel Garabato, contribuirán á posta en marcha desta ambiciosa misión espacial, participando na recolección de datos para a catalogación de miles de millóns de estrelas e galaxias.

PUBLICIDADE