Investigadores do CITIC e do IAC descobren un tipo de estrelas que podería explicar o xurdimento da vida na Terra

mércores, 5 de agosto do 2020 S. P.

Investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC e do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) veñen de facer un importante descubrimento astronómico que podería contribuír a explicar o xurdimento da vida na Terra. O seu traballo, cuxos resultados foron publicados na revista Nature Communications, implicou o achado dun novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo que botan luz sobre a orixe deste elemento químico na nosa galaxia e, como dixemos, sobre a aparición dos seres vivos no noso planeta.
O fósforo é, xunto con outros catro elementos (carbono, nitróxeno, osíxeno e xofre), fundamental para o desenvolvemento da vida, xa que forma parte das moléculas do ADN, e tamén é un elemento imprescindíbel no intercambio enerxético nas células. Segundo recalcan os investigadores do CITIC e o IAC, trátase dun elemento “pouco abundante na Terra”, o que o converte no elemento “limitante” para a vida fronte aos outros catro, moito máis abundantes. Aínda así, engaden, “a súa presenza no noso planeta é elevada respecto aos valores medios da Galaxia, feito que non tiña, ata o momento, unha explicación consensuada”.
O descubrimento, realizado por un equipo multidisciplinar formado pola astrofísica Minia Manteiga e os enxeñeiros informáticos Carlos Dafonte e Raúl Santoveña do CITIC da UDC e por investigadores do Instituto de Astrofísica de Canarias, podería dar resposta ao que ata o momento foi “un enigma para a comunidade científica internacional”. Con este fin resultou fundamental a colaboración interdisciplinar, axuntando coñecemento en astrofísica co desenvolvemento de técnicas de minería de datos en arquivos astronómicos. Segundo palabras de Raúl Santoveña, “deseñamos numerosas técnicas de Big Data que tivemos que afinar ao máximo porque estabamos a buscar unha agulla nunha palleira. Finalmente, achamos 15 estrelas con abundancia de fósforo entre 10 e 100 veces máis alta mesmo que as observadas no Sol”. Pola súa banda, Carlos Dafonte indica: “É probábel que observásemos só unha mostra de estrelas ricas en fósforo, debemos confirmar a súa peculiaridade en traballos futuros”.
O estudo publicado propón que é posíbel que o fósforo proveña da contaminación ocorrida na nube onde se formaron estas estrelas cando unha xeración anterior de estrelas, moi masivas e de natureza descoñecida, finalizaron a súa vida como astros radiantes. Conclúe a astrofísica Minia Manteiga que “a contaminación da nube protoestelar debeu de ser un fenómeno local, e relativamente raro xa que a proporción deste tipo de estrelas é pequena. Aínda así podemos especular que poderían contribuír de maneira apreciábel á evolución química do Sistema Solar e da Terra, e a que se desen as condicións axeitadas para o xurdimento da vida, e que por tanto a vida é en gran medida unha rareza na nosa Galaxia”.

PUBLICIDADE