Investigadores da UVigo traballan en aplicar tecnoloxía QR no coñecemento dos historiais médicos

luns, 17 de febreiro do 2014 Redacción

A tecnoloxía dos códigos QR é sen dúbida unha das máis sorprendentes de cantas se teñen propagado nos últimos anos. Que se xere tanta información a partir de recadros tan miúdos e á vista tan indescifrábeis, aínda causa un aquel de abraio malia estar espallados estes códigos en tantos recantos da nosa vida cotiá. Ademais, hai que ter en conta outro factor: a inmediatez e a accesibilidade que engaden á información e á comunicación. Esta vantaxe e esta tecnoloxía QR son o alicerce dun proxecto estatal no que están a traballar os investigadores do Grupo de Enxeñaría Telemática da EE de Telecomunicación.
Trátase dun proxecto liderado pola universidade alacantina Miguel Hernández para dar forma a un sistema de control -a través dos ditos códigos de barras bidimensionais de lectura rápida- para os alimentos que se subministran a pacientes por vía intravenosa. O obxectivo é lograr que os profesionais da saúde poidan coñecer, con só achegar o seu dispositivo móbil, a composición dos alimentos e os medicamentos parenterais que reciben aqueles doentes que non poden alimentarse polo estómago.
Segundo informa a UVigo, a participación dos enxeñeiros galegos no proxecto xorde despois de numerosas colaboracións con grupos de traballo do ámbito clínico e da saúde de todo o ámbito estatal. O proxecto como dixemos está liderado dende a UMH. Máis polo miúdo, polo profesor de Historia da Ciencia, Javier Sanz Valero. A súa duración é de tres anos e durante ese período crearase unha gran base de datos que lle servirá ao especialista para ter, “de xeito sinxelo e desde o seu propio dispositivo móbil”, toda a información da historia clínica do paciente. Xunto á Universidade Miguel Hernández e á Universidade de Vigo, no proxecto participan tamén investigadores da Universidade de Granada e persoal clínico de tres hospitais universitarios: o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, o Xeral de Alacante e o Son Espases de Mallorca.
A iniciativa é coñecida como Tecnoloxías de recoñecemento óptico aplicadas á Trazabilidade e Análise de Perigos e Puntos Críticos de Control (APPCC) das mesturas de nutrientes parenterais. Ao seu abeiro, o traballo dos investigadores ten ramificacións con ámbitos que non lle soen ser propios ao devandito, como a intelixencia artificial ou a web semántica. Segundo apunta o profesor Luis Álvarez-Sabucedo, un dos docentes da UVigo implicados nestes traballos e investigador de AtlantTIC, a iniciativa “consiste en que sexamos quen de identificar, onde non había un patrón, que tipos de pacientes son estatisticamente máis proclives a segundo que situacións”. Polo tanto, do que se trata é de compilar información deses procesos de calidade para despois poder procesala e extraer conclusións que reduzan posíbeis riscos para o paciente e fagan máis eficaz todo o proceso. O grupo galego, explica, encargarse do desenvolvemento de diferentes interfaces sen fíos para logo poder ser capaces de identificar eses patróns.

PUBLICIDADE