Internet en boas mans axuda aos nosos maiores a sacarlle partido á Rede

martes, 25 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

Cando naceron os nosos avós e avoas, hai máis de 60 anos, os ordenadores (que se inventaron alá polos anos 40), aínda non eran nin a máis mínima parte do que son hoxe e o seu uso estaba destinado unicamente a aquelas grandes empresas que atopaban neles utilidades que distan moito dos PC de hoxe en día.
E qué dicir de Internet? Esta tecnoloxía naceu practicamente antonte e ata hai poucos anos estaba unicamente ao alcance da poboación máis moza, algo que, por fortuna, xa cambiou moito. Agora xa son cada vez máis as persoas maiores de 60 anos que se conectan á Rede a diario e PandaLabs achéganos datos sobre as súas características.
O 90 por cento dos internautas españois de máis de 60 anos son varóns, “conéctanse á Rede máis de cinco horas semanais e as súas principais actividades son ver vídeos ou películas (no 100 por cento dos casos), consultar o correo electrónico (97 por cento), ler novas (79 por cento) e realizar operacións bancarias e compras (59 por cento)”.
Son datos que se desprenden da enquisa sobre hábitos de Internet realizada por Panda Security, no marco da súa campaña de educación e concienciación en seguridade Internet en boas mans, dispoñible na súa web oficial.
O estudo, realizado entre novembro e decembro de 2010, preguntou a 1.850 internautas de máis de 60 anos sobre as súas principais afeccións e actividades na Rede, así como o seu nivel de seguridade e as principais dificultades que atopan á hora de adaptarse a un medio tecnolóxico como é Internet, non sendo nativos dixitais.
O 68 por cento dos nosos maiores afirman “ter coñecementos medios sobre a Rede” porén non participan activamente en foros, blogs nin redes sociais, por consideralas “ferramentas para a xente máis moza”.
Iso si, prefiren o e-mail para comunicarse “cos seus” (o 97 por cento) e un 50 por cento afirma realizar compras en liña, sendo a adquisición de viaxes a opción máis escollida por este grupo (63 por cento).
As principais dificultades que atopa este colectivo á hora de empregar os servizos de venda online son, nesta orde, “identificar sitios seguros e de confianza”, “atopar o que realmente buscan” e “ser quen de definir contrasinais realmente seguras que posteriormente poidan lembrar”. Asemade, atopan dificultade para encher formularios e seguir os procesos de compra que establecen algúns sitios web.
Panda Security, a través da devandita campaña Internet en boas mans, pretende concienciar e educar aos nosos maiores no tocante á seguridade en Internet, e vén de habilitar unha web na que ampliar o nivel de coñecementos básicos sobre seguridade online de toda a familia.
Nela, atópanse recollidas e clasificadas as principais dificultades, ameazas e riscos que cada grupo de idade pode atopar na Rede, así como consellos que axudan a incrementar a confianza online da comunidade española.

PUBLICIDADE