InnovaClub afrontará dende a Cidade das TIC os grandes retos empresariais da nosa terra

venres, 15 de xullo do 2022 S. P.

Este venres 15 de xullo presentouse na Coruña unha iniciativa de gran relevancia para os obxectivos de converter a nosa terra nun polo de coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico-dixital. Estamos a falar do InnovaClub, unha entidade colaborativa de innovación aberta que terá a súa sede na Cidade das TIC (a antiga Fábrica de Armas da Coruña agora en proceso de reconversión). O club foi dado a coñecer polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, a directora do Campus Innova, Susana Ladra González e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral. O proxecto vén da man do Campus Innova da UDC e o Clúster TIC, precisamente.
Ten como obxectivo “dar solucións a retos empresariais complexos, difíciles de solucionar de xeito individual e cos medios tradicionais”. A operatividade do club basearase no envío de desafíos concretos por parte das emrpesas, que serán afrontados por equipos deseñados de maneira personalizada e a medida, formados por expertos de empresas tecnolóxicas, profesionais, profesores e alumnos universitarios, “que idearán e prototiparán solucións innovadoras que darán resposta ás necesidades reais do sector empresarial”, sinalouse na presentación deste venres 15, na que o reitor manifestou a súa satisfacción polo nacemento deste club que, segundo sinalou, “promoverá as relacións Universidade-empresa sumándose ás sinerxías xa existentes entre o clúster e a UDC para a Cidade das TIC”. “A Universidade da Coruña ten unha vontade clara de traballar conxuntamente coas empresas”, dixo Abalde remarcando a intención de traballar “conxuntamente, coxerando coñecemento”.
A directora do Campus Innova explicou que se trata dunha iniciativa pioneira que pretende servir de plataforma para a xeración de proxectos de innovación aberta. Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral mostrou a súa satisfacción por colaborar, unha vez máis, coa UDC, coa que está desenvolvendo o proxecto da Cidade das TIC. Sobre o Innova Club “parécenos especialmente acertado”.
O primeiro reto foi achegado polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, e consiste en realizar a rastrexabilidade (a trazabilidade) dos cereais que chegan ao Porto Exterior que teñen como destino alimentar á cabana agrogandeira galega. Fernández Prado asegurou que no Porto da Coruña traballan empresas “que son punta de lanza” no seu sector, como demostra que o 75% do alimento da cabana gandeira de Galicia entra pola Coruña. “Somos o graneiro de Galicia e todo o que sexa incorporar tecnoloxía a este sector é bo para o porto e para as empresas”. O presidente da Autoridade Portuaria amosouse convencido de que a UDC conseguirá solucionar este desafío achegado.
O acto contou tamén coa participación do subdirector do CITIC, Javier Pereira, e o responsábel da dinamización e xestión do Innova Club, Juan Carlos Bugallo Taibo, que detallou o funcionamento do Innova Club que incluirá cinco fases: definición do reto, equipo e alcance; sprint de innovación; pitch de presentación de resultados; launch: decisión sobre se se lanza ou non un Mínimo Produto Viábel (MVP); e roadmap e financiamento para o desenvolvemento completo. Bugallo explicou, ademais, o proceso de elaboración dos equipos que afrontarán os retos que, segundo sinalou, “estarán formados por expertos de empresas tecnolóxicas, profesionais, profesores e alumnos universitarios”.
Innova Club contactará con investigadores para solucionar este e outros retos que se vaian propoñendo, pero, segundo se fixo saber na presentación, aquelas persoas interesadas en participar na resolución deste primeiro reto poden contactar directamente co Club a través da súa páxina web onde atoparán máis información.

PUBLICIDADE