Ineo establece un acordo de cooperación co cluster TIC do estado mexicano de Querétaro

xoves, 27 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Captura da web do cluster mexicano

A asociación galega Ineo, centrada no sector das movas tecnoloxías da información, vén de establecer un acordo de cooperación co cluster tecnolóxico Inteqsoft, fronte empresarial emprazada no estado mexicano de Querétaro. O obxectivo desta alianza, froito da visita de Ineo e das súas empresas por terras do devandito país na procura de canles de cooperación e de apertura de mercado, non é outra que impulsar a cooperación empresarial e o espallamento do sector TIC de Galicia no país americano.
Xa nun eido máis específico, Ineo e o devandito cluster desenvolverán proxectos tecnolóxicos de xeito conxunto, fomentando a comunicación e o traballo entre compañías integradas en ámbalas dúas asociacións. O acordo tamén abrangue o establecemento de canles de información que poñan en contacto de xeito continuo ás dúas entidades, amais de favorecerse o intercambio de experiencia e habilidades na promoción e na formación das empresas, facéndose especial fincapé na relación coas universidades e cos centros de investigación.
A alianza foi posíbel en virtude da misión comercial a México coordinada por Ineo, unha visita desenvolvida a mediados deste mes e na que participaron algunhas das empresas TIC máis representativas da nosa terra, amais de compañías procedentes do sector das enerxías limpas. Informar que as nosas empresas tiveron oportunidade de establecer importantes contactos institucionais e comerciais en Cidade de México, Querétaro e Celaya.
Sobre Inteqsoft
Inteqsoft é unha asociación de empresas privadas, institucións académicas, centros de investigación e dependencias do Goberno Estatal e Federal de México, integradas todas elas para impulsar o desenvolvemento da industria TIC do estado de Querétaro e ofrecer solucións de valor para as industrias. O obxectivo fundamental desta entidade é impulsar o sector TIC do devandito Estado, fortalecendo ás empresas integradas e apoiándose en organizacións de I+D ao tempo que impulsa a conexión entre compañías e investigadores formados nas institucións académicas da zona.

PUBLICIDADE