Inaugúrase na Coruña o congreso SEPLN 2022, que xunta máis de 150 expertos en procesamento de linguaxe natural

mércores, 21 de setembro do 2022 S. P.

Esta semana (dende este martes 20 até o venres 23) A Coruña acolle a 38ª edición do Congreso Internacional da Sociedade Española para o Procesameento da Linguaxe Natural, o SEPLN 2022. Neste evento, máis de 150 investigadores internacionais de 15 países danse cita para presentar os avances máis recentes no ámbito PLN, que estuda como lograr que os computadores entendan a linguaxe humana.
Segundo informaron as entidades organizadoras, entre as que se atopa o Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), estas investigacións converten en realidade importantes avances tecnolóxicos, como por exemplo o feito de que os buscadores localicen axiña unha noticia, que asistentes virtuais como Siri ou Alexa respondan cando llelo pedimos, que portais de reserva como Trivago nos permitan comparar prezos, que podamos traducir co noso móbil un texto, que comentarios denigrantes e violentos sexan decontado identificados e eliminados das redes sociais ou, máis recentemente, que podamos teclear descricións sen necesidade de palabras exactas.
O congreso conta entre outros coa presenza da Barbara Plank, catedrática de Intelixencia Artificial e Lingüística Computacional en LMU Munich e catedrática a tempo parcial da IT University of Copenhagen, amais de experta en tecnoloxía multilingüe robusta para o procesamento da linguaxe humana (que ten aplicacións en ámbitos como a elaboración de perfís e a determinación do sentimento que se expresa nun texto); e o doutor Atrona. T. Martins, profesor do Instituto Superior Técnico, investigador sénior no Instituto de Telecomunicações e Vicepresidente de Investigación de Intelixencia Artificial na empresa Unbabel de Lisboa, experto na definición de modelos que tratan de explicar o que os computadores entenden dos textos humanos.
Desde 1987 o congreso internacional organízase anualmente e nesta edición elixiuse A Coruña por ser a Universidade da Coruña un referente internacional no ámbito de investigación do Procesamento da Linguaxe Natural (PLN). A UDC despuntou nos últimos anos co proxecto FastParse, unha starting grant do European Research Council (ERC) que converteu á UDC nun referente mundial na análise automática de textos; a concesión anunciada a semana pasada do proxecto SALSA, unha iniciativa tamén do ERC para a explotación industrial de resultados; a recente posta en marcha do proxecto GAUSS, unha Marie Skłodowska-Curie Action (MSCA) sobre adestramento gramatical que se prolongará ata 2024; así como a súa participación nun proxecto do Banco Mundial para o desenvolvemento do PLN en Usbequistán, que á súa vez vén culminar a meritoria participación da UDC nun proxecto europeo Erasmus+ previo para o desenvolvemento do PLN nas universidades de Asia Central.
Esta nova edición da SEPLN está organizada por un comité interdisciplinar de investigadores das facultades de Filoloxía e Informática afiliados ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC. O comité está presidido por Miguel A. Alonso e nel participan ademais Margarita Alonso Ramos, Carlos Gómez Rodríguez, Jorge Graña, Nancy Vázquez Veiga, David Vilares (Premio Novos Investigadores Informáticos 2018 da Sociedade Científica Informática de España – Fundación BBVA) e Jesús Vilares. Contan así mesmo co apoio dun comité científico internacional formado por investigadores de España, Francia, Reino Unido, México, Alemaña, Italia, Portugal, Cuba, Estados Unidos, Canadá, Chile e Australia.

PUBLICIDADE