Inaugurados en Castrelo de Miño o seu centro de rede e a cobertura WiMAX para todo o concello

martes, 9 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Malia que as actividades arredor da difusión das redes comezaron xa dende hai meses en Castrelo de Miño, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información da Xunta inaugurou onte de xeito oficial o seu centro de operacións no dito concello da comarca do Ribeiro, un espazo especialmente encamiñado a acadar que o labor de difusión das vantaxes das novas tecnoloxías sexa o máis completo posible no municipio. No acto de apertura do centro, que conta con once computadores e diverso material tecnolóxico complementario, estiveron presentes o concelleiro de Innovación, Fernando Blanco, e máis o alcade de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, entre outros representantes das institucións galegas.
A apertura oficial da aula completouse coa posta en longo da rede sen fíos (WiMAX) para dotar de acceso á Internet a todo o conxunto do concello. Ámbalas dúas iniciativas recibiron un investimento de 157,795,88 euros.
Como dixemos ao comezo, cómpre lembrar que a Rede de Dinamización de Castrelo (malia a apertura oficial de onte) xa conta cunha boa experiencia no desenvolvemento de actividades de achegamento das TIC á veciñanza, entre as que se contan obradoiros, charlas e concursos (coma este de fotografía dixital do que xa falamos nesta mesma web ou estoutro de deseño). En concreto desenvolvéronse un total de 30 obradoiros, e rexistranronse máis de 140 usuarios.
“Estes obradoiros foron de índole tecnolóxica variada, aínda que os máis demandados foron os referidos á iniciación á Internet, á informática e ao procesador de textos con software libre”, sinalaron os responsables da Rede de Dinamización da Xunta.

PUBLICIDADE