Impulsa TIC da Deputación de Lugo vén en 2024 con 4,5 millóns de fondos europeos
martes, 21 de novembro do 2023
O
presidente da
Deputación de Lugo, José Tomé, presentou os orzamentos da
institución provincial para o ano 2024, que superan os 116M€.
No acto, acompañado de Efrén Castro, e a deputada de Economía,
Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, Tomé lembrou que os
orzamentos do vindeiro ano implican unha suba dun 5,32%, grazas aos
investimentos que conseguiu a Deputación do Plan de Recuperación,
Transformación e Resiliencia que o Goberno de España ten en marcha
cos fondos que logrou da Unión Europea.
Na
vertente máis relacionada coa innovación e o tecnolóxico, os
orzamento inclúen un firme apoio á USC vinculado ao mantemento das
titulacións do Campus. Os fondos para a o ensino público sumarán
preto de 3M€, un investimento que serve para manter o funcionamento
do Centro de Formación Audiovisual da Deputación (segundo lembrou o
presidente “o único público desta rama que hai na provincia”) e
tamén para consolidar á institución provincial como “a que máis
recursos aporta á Universidade pública”, sinalou.
Respecto
do plan de cooperación cos 67 municipios da provincia, a partida
aumenta no 2024 ata os 21,75M€, “o que significa transferirlles
aproximadamente o 20% dos orzamentos provinciais seguindo criterios
públicos e obxectivos, iguais para todos, e cun respecto total á
autonomía municipal”, fronte, dixo, “ao raquítico 1,1% da Xunta
co Fondo de Cooperación Local”.
Tomé
destacou tamén o proxecto Impulsa TIC, dotado con 4,5M€ de fondos
europeos, e grazas ao que a Deputación proporcionará de maneira
gratuíta aos 52 concellos que decidiron adherirse servizos e
equipamentos tecnolóxicos que lles permitirán avanzar na
transformación dixital da administración e, polo tanto, mellorar o
servizo que prestan aos veciños.
Tamén
lembrou que a Deputación aforra miles de euros aos concellos
prestándolles asistencia técnica cando o así requiren, en materia
xurídica, urbanística, na xestión e cobro de impostos municipais,
en recursos humanos ou en formación.
Ademais,
a Deputación continuará co proxecto Acelera PEMES, financiado con
fondos europeos, a través do que ofrece asesoramento gratuíto a
pequenas e medianas empresas para modernizar e mellorar o seu negocio
coa transformación dixital.