Ibermutuamur leva á Coruña e a Vigo o seu sistema de diagnóstico médico inmediato

mércores, 18 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía e a sanidade seguen a dar pasos e de xeito conxunto. Sobre todo nos seguintes eidos: na mellora no tratamento e na seguridade dos datos clínicos dos pacientes e nas posibilidades cada vez maiores de levar a cabo consultas a distancia e no menor tempo posible. Neste último eido é onde traballa Ibermutuamur, que está a presentar por toda España os seus desenvolvementos na devandita maridaxe médico-tecnolóxica e que na nosa terra xa están a disposición dos cidadáns a través dos seus centros asistenciais da Coruña e Vigo (dun total de 72 espallados por toda a xeografía do Estado).
Basicamente, o desenvolvemento que está a presentar a empresa (mutua de accidentes de traballo e doenzas profesionais da Seguridade Social) consiste nun sistema asistencial de urxencia que achega un apoio ao diagnóstico do paciente de xeito remoto e en tempo real grazas ó subministro en liña e ao momento dos resultados da analítica.
O servizo, chamado “CADI” (Control Analítico de Diagnóstico Inmediato) achega uns resultados do exame que son validados en arredor de dous minutos, segundo apunta Ibermutuamur, “o que facilita a rapidez e a precisión na toma de decisións”.
A día de hoxe, o sistema desta mutua está xa nos seus 72 centros de asistencia de toda España, “alí onde é preciso valorar o estado do doente e tomar decisións urxentes”, sinala a compañía. O abano de parámetros a enviar ao CADI é amplo abondo: glucosa, hemoglobina, hematocrito, gasometría, electrólitos (sodio e potasio), marcadores cardíacos, probas de coagulación, calcio iónico, urea ou nitróxeno ureico, así como creatinina e despistaxe de sustancias tóxicas. “Coa medición destes parámetros”, engade a compañía, “é posible determinar patoloxías cardíacas, respiratorias, intoxicacións agudas, shock e insuficiencia renal, entre outras”. Entre as vantaxes do emprego do CADI atopamos as seguintes: redución do tempo dedicado ao diagnóstico urxente, á estancia do doente en Urxencias así como ás propias hospitalizacións. Asemade, redúcese o risco de desestabilización da mostra avaliada, xa que non precisa almacenaxe nin transporte, sinala Ibermutuamur.

PUBLICIDADE