IBM colaborará do Goberno de España en materia de IA

luns, 8 de abril do 2024 Marcus Fernández

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o vicepresidente sénior de IBM e director de IBM Research, Darío Gil, reuníronse o pasado venres no complexo da Moncloa, onde celebraron o novo acordo alcanzado entre o Executivo e IBM que permitirá desenvolver modelos fundacionais de intelixencia artificial, nativos en español e as linguas cooficiais. Durante o encontro, no que tamén participou o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá; o director da Oficina de Asuntos Económicos da Presidencia do Goberno, Manuel de la Rocha, e o presidente de IBM España, Portugal, Grecia e Israel Horacio Morell, compartiron desafíos e iniciativas que se abren no campo da intelixencia artificial e a supercomputación.
O Goberno de España, a través do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, e IBM asinaron un Memorando de Entendemento para promover a súa colaboración no campo da intelixencia artificial e a supercomputación con IA, avanzar no desenvolvemento e despregamento práctico de tecnoloxías abertas, éticas e responsables de IA xenerativa en España, e compartir a visión de crear un conxunto de modelos fundacionais líderes, que incluirá tanto modelos grandes de linguaxe como modelos pequenos de linguaxe, nativos en lingua española e linguas cooficiais.

Un esforzo redundante?

Este acordo sería a concreción do anuncio realizado por Pedro Sánchez no marco do Mobile World Congress de Barcelona, resultando bastante rechamante o feito de que se comente que, aparte do español, tamén inclúe ao resto de linguas cooficiais, pois non podemos esquecer que teñen cadanseus proxectos na mesma liña: en Galicia temos o Proxecto Nós dende 2021, en Cataluña iniciaron o Projecte Aina a finais de 2020, dende a Universidade de Alacante desenvolven o proxecto Vives, e o País Vasco tamén conta co proxecto Gaitu.

PUBLICIDADE