Huawei Technologies busca fichaxes novas en España

mércores, 1 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

A compañía chinesa Huawei Technologies, punteira no eido da achega de redes de telecomunicacións a operadoras de todo o mundo, anda á procura de talento novo en España. O seu obxectivo, até este intre, é procuralo principalmente nas universidades, e con este fin está a estreitar o contacto coa comunidade estudantil destas institucións, poñendo ao tanto a alumnas/os e tituladas/os das súas estratexias de mercado e as súas liñas de innovación. Polo de agora, a súa presenza está máis que confirmada no III Foro de Emprego que organizan a Complutense e a Politécnica de Madrid, amais da Nacional de Educación a Distancia.
O encontro, tamén chamado foro 3U, desenvolverase no campus da Cidade Universitaria de Madrid do 13 ao 16 de outubro. Para Huawei, informa a propia empresa nun comunicado, a oportunidade é inmellorable para a procura de novas ideas de propostas, sendo como é unha empresa “xuvenil e dinámica, inmersa nun acelerado proceso de medre e con excelentes perspectivas”, sinala Xie Xinping, director xeral de Huawei en España.
E prosegue: “Unha persoa que se une á nosa empresa, é unha persoa que se incorpora a unha das compañías de telecomunicacións con meirande proxección de futuro e, polo tanto, que ofrece mellores perspectivas de carreira a nivel mundial”.
Por certo que os titulados máis solicitados pola multinacional son os enxeñeiros técnicos e superiores de Telecomunicacións e enxeñeiros de outras especialidades. Asemade, tamén demanda titulacións superiores como licenciados en Ciencias Económicas ou Empresariais, Marketing e Vendas. En todos os casos é imprescindible o dominio de inglés.

PUBLICIDADE