Hootsuite finalmente permite a programación de fotografías en Instagram

xoves, 6 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses percibiuse un importante cambio no panorama das redes sociais, co estancamento de Twitter no que se refire á captación de novos usuarios, e o fortalecemento de Instagram, convertida xa na plataforma social en segunda posición despois de Facebook, o que supón todo un reto para os profesionais do medio, de aí que Hootsuite, plataforma de xestión de redes sociais con máis de 11 millóns de usuarios, decidise adaptase e estrear finalmente a integración de Instagram no seu sistema.
Deste xeito, os usuarios de Hootsuite por fin poderán publicar directamente en Instagram e programar as publicacións para que aparezan máis tarde; xestionar varias contas de Instagram nun único lugar; participar activamente coa audiencia a través do panel de control; compartir o acceso a Instagram de xeito seguro e colaborar con membros do equipo (funcionalidade para a versión Pro do servizo) e vixiar á competencia e atopar oportunidades de interacción con columnas para usuarios, cancelos e palabras clave específicas. Deste xeito búscase unha administración máis eficiente de plataformas sociais con tanta forza como Instagram, que están a demostrar ter unha gran capacidade para conectar cos consumidores, polo que debe terse en conta nas campañas de comunicación en redes sociais.


Vídeo no que Hootsuite presenta a integración de Instagram

PUBLICIDADE