Héctor Ruiz Martín falará este xoves sobre tecnoloxías nas aulas

luns, 1 de abril do 2024 S. P.

A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta arranca o vindeiro xoves desmontando mitos sobre o uso das tecnoloxías nas aulas. O investigador e director da International Science Teaching Foundation, Héctor Ruiz Martín, será o responsábel de afondar nestas cuestións na conferencia Que nos di a investigación sobre o uso da tecnoloxía na aula?
Baseándose na súa ampla traxectoria investigadora sobre a aprendizaxe e o ensino, Ruiz Martín abordará cuestións como a suposta diminución da atención da mocidade como consecuencia do uso da tecnoloxía dixital ou os problemas que segundo os máis críticos coa tecnoloxía poden supoñer as pantallas na escola para a saúde dos nenos, no seu razoamento e forma de aprender.
Segundo o experto, autor de libros como Aprendendo a aprender, Como aprendemos? Unha aproximación científica á aprendizaxe e o ensino, ou Edumitos, estes mitos “derivan de nesgos cognitivos e razoamentos mediante pensamentos falaces”. No relatorio afondarase na orixe destas crenzas, o porqué de como xorden e o que di a investigación ao respecto.
A conferencia é a primeira do ciclo que, baixo o título Tecnoloxía con sentidiño, ofrece ata o mes de xuño a visión de expertos sobre a Intelixencia Artificial ou a relación da tecnoloxía coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía, entre outros. O obxectivo é “ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria, documentada e baseada en investigacións”, sinalan dende a Consellería de Cultura e Educación.
Héctor Ruiz Martín é director da International Science Teaching Foundation, onde investiga a memoria e a aprendizaxe en ámbitos educativos desde a neurociencia e a psicoloxía cognitiva. O seu obxectivo é desenvolver recursos didácticos, para desenvolver recursos didácticos baseados en la evidencia científica.
Neste sentido, é director da colección Educación baseada en evidencias, e nas últimas dúas décadas ten impulsado numerosos proxectos en prol da mellora do ensino, proporcionando ferramentas e metodoloxías a docentes e alumnos sobre o modo de aprender das persoas.

PUBLICIDADE