Hacce canaliza as mensaxes de ánimo fronte á COVID-19 a través de Mealegraseldia.com

venres, 8 de maio do 2020 Fernando Sarasketa

Hacce, a empresa tecnolóxica galega, é unha das moitas firmas do sector que están a pór cadanseus grans de area para mitigar os efectos da pandemia (“sete semanas de profundos cambios na nosa forma de traballar, nas nosas rutinas e prioridades”) e tentar mellorar o día a día das persoas durante a crise sanitaria. A solidariedade, precisamente, está na cerna da iniciativa web Mealegraseldia.com, unha páxina impulsada por Hacce en colaboración coa Fundación CEAGA e o Colegio Estudio para tender pontes a través do distanciamento social e, en palabras das responsábeis do proxecto, “facer chegar aos máis afectados por esta crise mensaxes de ilusión e agarimo de persoas que dende as súas casas querían axudar e non sabían como”. A web, explica Hacce, é un exemplo de como a tecnoloxía se está a poñer, máis ca nunca, ao servizo da xente.
O obxectivo concreto é reunir gran cantidade de mensaxes de audio para alegrar o día a enfermos con COVID 19, traballadores esenciais, nenos, maiores que viven sós ou calquera outra persoa que necesite” unhas palabras de ánimo para soportar estes difíciles momentos”.
Dende Hacce poñen o foco no sinxelo que resulta o funcionamento da web: de maneira anónima calquera cun teléfono móbil pode gravar un audio cunha mensaxe de apoio, contando unha historia, un chiste ou simplemente saudando e subilo todo á web para que poida ser escoitado por quen o necesite.

PUBLICIDADE