Habilitan en Facebook un grupo aberto a prol dunha rede ferroviaria galega

luns, 1 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

Agora que o tren, ou -mellor dito- a ausencia de tren está no punto de mira dunha boa parte das galegas e dos galegos, a Web semella que nos pode botar unha man nas nosas arelas de contar cun servizo ferroviario en condicións que contribúa por unha banda ao desenvolvemento social e económico e, pola outra, ao uso de transportes máis limpos. Nesta liña de mobilización activa é onde se insire o que pasa por ser o primeiro grupo aberto do servizo Facebook a prol dunha rede ferroviaria propiamente galega. O espazo, chamado Amigos do Galitren, vai dirixido a converterse nunha fonte de novas sobre a cuestión do tren na nosa terra e nun foro de discusión sobre este mesmo tema. “Ao ser un grupo aberto”, sinálase en Chuza! facendo referencia á posta en marcha da proposta, “calquera usuario de Facebook pode subscribirse ao grupo”.
Por certo que o grupo, segundo se conta no propio espazo en liña acabado de lanzar, ten o seu xermolo nunha “longa noite de conversa entre galegos e foráneos, no Moose, sendo a seguinte unha das conclusións ás que se chegou: que non é preciso o AVE, senón un tren eficaz e de alta velocidade que primeiramente ligue as cidades de Santiago e Lugo... e logo xa se verá”. O espazo en cuestión, posto en marcha dende Compostela, está a incluír xa unha boa parte dos recursos habituais dos sitios abertos en Facebook: entradas, novas, foros (onde se reivindica xa un Galitren de proximidade), fotos (incluíndose das obras do AVE), artigos e vídeos (xa se pode ver unha peza de denuncia sobre o estado do transporte público en Galiza).

PUBLICIDADE